O IGAEM destina 955.609 euros anuais en difundir o teatro profesional en Galicia

¡Enreda co teatro!

Coa finalidade de estabilizar e difundir o teatro profesional nace no 95 a Rede Galega de Teatros e Auditorios. Un intento de fusionar espectáculos cos públicos; os espacios e auditorios que se ían construíndo en Galicia coas montaxes que ideaban as compañías. Unha rede para crear unha afección ao teatro profesional.

A principios dos anos 90 o teatro galego tiña, entre as súas doenzas, unha grave incoherencia. O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais ofrecía anualmente subvencións para a producción de espectáculos. Montaxes que moitas veces non tiñan onde exhibirse e que eran moi difíciles de mover por toda Galicia. E neste panorama, o IGAEM, encargado da promoción e difusión das Artes, decide atallar o problema creando unha rede, un espacio que conecte espacios, darlle cartos e movelos. “A rede -afirma María Paredes, programadora do IGAEM- xurdiu para establecer un circuíto estable nese momento, para que os concellos programasen teatro galego en condicións que eles puideran asumir”.



Pontes teatrais

Inicialmente a rede xorde con dez concellos, aos que co paso do tempo se lle foron adherindo máis ata completar os 39 concellos que a día de hoxe forman o circuíto do teatro profesional. E aquí entran outros factores. Segundo a lei que regula a Rede poden entrar no espacio os concellos ou entidades que o desexen se ofrecen unha “traxectoria, experiencia e remitindo unha memoria das programacións anuais”. E isto resulta que se pode facer sempre e cando o concello vaia tendo un espacio propio onde realizar as representacións. E aquí entra a historia da pescada que morde a cola. Para formar parte da rede precísase un espacio e unha programación, e ás veces gástanse as partidas orzamentarias de cultura en crear o edificio que logo está baleiro de contido.



O outro indicador é que, segundo figura no regulamento da Rede “a participación na Rede Galega de Teatros e Auditorios é incompatible coa participación no Programa de Circuítos Culturais que anualmente organiza a Consellería de Cultura a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural”. E como María Paredes sinala, a rede programa basicamente teatro (aínda que agora estean inmersos na promoción da danza), e os circuítos culturais son moito máis amplos.



¿Cómo funciona?

A rede establece lugares da xeografía galega nos que existe un espacio escénico suficiente para que as compañías profesionais poidan levar os seus espectáculos. E para que se movan os espectáculos establece dúas funcións: por unha banda elabora un catálogo coas compañías profesionais e cos seus espectáculos e, unha vez feito isto convoca unha xuntanza entre os programadores dos concellos adheridos á rede para que elaboren as súas programacións culturais contando cos espectáculos do catálogo; pola outra banda, para que a aposta non sexa tan custosa, subvenciona o 50% do caché da compañía (o outro 50% abóao o concello ou a entidade organizadora)





As compañías


“Estar na rede non che garante ningún espectáculo dentro da rede, senón a posibilidade de participar nesa lista” deste xeito Manuel Pombal membro da compañía “Fulano, Mengano e Citano” resume a súa participación na rede. Un sistema que considera bo porque “cremos que calquera actuación é un bo escaparate que te leva dun grande lugar. A grande vantaxe da rede está na oportunidade que poidas ter de participar, e de que o teu espectáculo guste para que os programadores te volvan chamar noutro ano”. Porque o IGAEM, que non ten entidade xurídica propia, non contrata, senón que serve de conexión entre os productores de espectáculos (as compañías) e os receptores (os concellos).



Pero non todo o mundo ve tan positiva esta fórmula. A representante dunha coñecida compañía viguesa considera que o impulso da rede é pequeno “nós estivemos sempre na rede, pero o traballo de repercusión é moi cativo. Facilita un circuíto de traballo, en principio”.



Esta compañía ten contratado para este semestre dúas únicas funcións e iso que é unha compañía das que máis traballa fóra de Galicia. De feito, tiveron varios contratos coa rede de Castela e León e unha vez contratáronlle 11 funcións e doutra 18. Aínda que considera que o problema, máis que das características da propia rede é estructural. “Aquí, apuntaba, poden darse outras características que é como se move o mercado en cada un dos espacios”.



Sen embargo, tamén lle dá a volta e apunta que “é curioso que hai compañías de fóra, que creo que é bo, pero ás veces, teñen máis espectáculos...” neste sentido María Paredes apunta que “o groso da rede son compañías galegas. É o noso teatro e é algo que temos que defender. Pero tamén estamos dando cabida a teatro de fóra porque a xente ten que ver tamén teatro en castelán. Antes o que faciamos era unha especie de intercambio, pero non nos estaba funcionando moi ben. Non podemos pechar ningún camiño porque é bo para que as nosas compañías poidan saír e para que as súas compañías poidan entrar. É unha especie de intercambio".