Diminuír a dependencia das compañías teatrais das subvencións, incrementar o número de funcións e o de espectadores por cada espectáculo; implantar un sistema de distribución para as publicacións; facer un estudo da situación económica actual da industria musical… e todo isto no marco da creación de AGADIC e cando se estrea o Plan Galego das Artes Escénicas. Estas son as liñas do IGAEM para este 2008, coñéceas.
O sitio web do IGAEM acaba de publicar as liñas xerais de programación para este ano. Un documento de máis de vinte e oito páxinas que sintentiza a filosofía e os obxectivos polos que ha de pasar a actividade da institución nos vindeiros meses. Miramos o documento e ofrecemos un resumo das principais liñas de traballo.
No contexto xeral
Tendo en conta as competencias que lle concede o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais na lei da súa creación, as actividades para este 2008 sucédense paralelamente a dous feitos de especial transcendencia que marcan o contexto da súa actividade. Dunha banda, o proceso lexislativo (que xa está en marcha) que pasa por reformar o IGAEM e convertelo na Axencia Galega das Industrias Culturais. Segundo reza este documento “un instrumento de xestión áxil e eficaz, cun réxime de descentralización funcional, á política de fomento da cultura en materia de teatro, danza e música”. No fondo, o obxectivo fundamental do AGADIC é ser un “instrumento administrativo especializado no desenvolvemento de políticas de fomento da producción e do tecido empresarial cultural no interior e no exterior”. Da outra, a posta en marcha do Plan Xeral das Artes Escénicas. É dicir, o documento global que atende á dimensión sociocultural, fomento da creación, promoción da industria escénica, consolidación do mercado e a promoción exterior. Un proxecto que contará con 66 millóns de euros para os vindeiros catro anos.
As medidas concretas
No escenario marcado por estes dous feitos desenvólvense as medidas concretas, os obxectivos e os instrumentos desenvolvidos para levalos a cabo. Unha das intencións para este ano pasa por incrementar nun 15% o volume de contratación das redes, tanto a pública como privada, para as salas. Ese incremento está relacionado coa intención de aumentar nun 20% a media de funcións que realizan por compañía. Uns incrementos que levan parello a suba dos ingresos medios das salas privadas e das compañías participantes.
Para que aumenten os espectadores, as funcións e, polo tanto, os ingresos, cómpre mobilizar ao público para que asista aos espectáculos. Po riso, o IGAEM abrirá ao público o sitio web “galescena.info” no que se ofrecerá información detallada. Ademais, fomentarase a divulgación na prensa dos espectáculos.
Tendo en conta que un dos estudos que manexaba o IGAEM falaba da falta de profesionalización do sector teatral, non é de estrañar, que este ano se apoie a actividade escénica e musical incrementando e fomentando a participación e cursos de formación. En colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática continuarse a desenvolver un plan de formación que inclúe tamén unhas xornadas temáticas destinadas a analizar as potencialidades da aplicación das novas tecnoloxías á industria musical. De feito, neste campo, tal e como se fixo primeiro co sector teatral, o IGAEM conta ter este ano tanto dunha diagnose da situación económica actual da industria musical, como dun estudo cualitativo de perfís e públicos potenciais deste sector.
Ademais, o IGAEM establecerá unha prima na baremación para conseguir que os textos teatrais premiados sexan representados.
Por último, a entidade tamén prestará unha especial atención á promoción exterior, para que os espectáculos galegos teñan tamén a súa oportunidade fóra. Os seus obxectivos pasan por aumentar nun 30% o número de funcións distribuídas, e que aumente ata un 20% máis o número d emisións de comercialización no exterior. Neste campo, a Feira Galega das Artes Escénicas (outra vez para o mes de outubro) pretende incrementar nun 50% o número de programadores existentes, nun 35% o número de estands e case duplicar as funcións contratadas para o exterior.
A produción propia
O documento tamén deixa un oco para o que son as unidades e centros de produción do IGAEM, a saber, a de teatro (Centro Dramático Galego), danza (Centro Coreográfico Galego) e música (Escola de Altos Estudos Musicais, que aínda que non é exactamente unha unidade de produción funciona como tal) e detalla as súas actividades previstas para este ano. Entre as novidades, ademais de incrementar o número de funcións, espectadores, nivel de ocupación dos teatros e auditorios, o principal esforzo para por incrementar as actuacións de difusión e divulgación. Sobre todo no que ten que ver co número de cursos ou talleres. Entre eles, destacan os destinados a centro escolares e centros cívicos como “Érase unha vez a danza”, “O mundo da danza nun teatro”, “A zanfona vai á escola”, “Queres coñecer a gaita?” ou o concerto didáctico “Coñeces a nosa música?”.
