Descubre as propostas máis diferentes e orixinais para sorprender este Nadal

Agasallos de Nadal: cando todo vale

Hoxe é o momento das propostas máis raras, suxestivas e diferentes. Algunhas por atrevidas, outras por atípicas, pero en todo caso, non aptas para clásicos. Aquí vai unha escolma de agasallos que poden gustar ou non, pero de seguro que non deixarán a ninguén indiferente.

Se queres que este Nadal pase a historia como o ano no que acertaches e sorprendeches cos teus agasallos, aquí che facemos diversas propostas. Literatura, música, gastronomía... un pouco de todo para completar o abano.

Delicias para o padal
O Tostado do Ribeiro é un dos poucos viños que son doces de xeito natural, coma o Sauternes ou o Tokaji, e unha auténtica sorpresa para os afeccionados aos viños galegos. De coidada e meticulosa elaboración a partir da variedade treixadura, deixando que as uvas se pasifiquen ao longo de varios meses, este produto tradicional do Ribeiro destinado a amenizar as sobremesas de pazos e rectorais estaba practicamente desaparecido. Viña Costeira recuperouno e lanzou ao mercado 5.000 botellas da anada do 2004 a un prezo elevado para os viños galegos: 35 euros por 50 cl de prezado líquido, que se xustifica polo traballo e a gran cantidade de uva necesaria.

Contacto coa natureza
O río Miño, á altura do concello do Corgo, crea unhas microlagoas únicas en Galicia que xorden no medio da carballeira. Aínda que hoxe están moi ameazadas, a Casa Grande da Fervenza, sita dentro do territorio delimitado como Reserva da Biosfera Terras do Miño, permite observar con calma esta zona de gran riqueza medio ambiental e propón roteiros para descubrilas.

E non só iso, Rafting, parapente, canoas, hidrospeed... son algunhas das actividades que podes regalar aproveitando a nosa privilexiada orografía. Existen varias empresas en todo o país que se dedican a organizar este tipo de actividades para grupos e para o que só precisas as ondas para facer surf, os ríos para facer rafting e as ladeiras para parapente, estas son algunhas das ofertas turísticas "de aventura" que varias empresas ofrecen por toda Galicia. Unha forma a medio camiño entre deportiva e turística que cada vez consegue máis adeptos e gaña en fidelización.

Audiovisual
Alén de visitar algunha das tendas de segunda man e mercar algún clásico a prezo de saldo, propómosche unha proxección ben atípica na casa. A empresa Lilifilms, que se encarga de buscar e recuperar películas en super8, fai tamén proxeccións a domicilio. Un salto no tempo que permite recuperar aquelas películas feitas na casa cos antigos “tomavistas” e que fan parte da película da túa vida. Ademais, esta empresa tamén proxecta películas de época acompañadas dunha banda sonora creada especialmente para cada ocasión.

Ademais, orixinal tamén é “J.E.D.N”, a curtametraxe e o documental que Ignacio Benedeti elaborou a propósito de José Ernesto Díaz Noriega, o pai do cine amateur en Galicia, mestre de cineastas como X.Villaverde, C.Amil, M.Castelo ou A.Simón. A edición DVD contén, á parte de extras inéditos, obras de Díaz Noriega como a premiada “Cine Amateur” (1965), “El Festival” (1967) e “Os Suevos” (1974), todas restauradas dixitalmente a partir de orixinais cinematográficos conservados na Filmoteca Nacional. Unha xoia que podes conseguir a través de Biblos Clube de Lectores.

A literatura
Sempre podes regalar un libro. Pero non un libro calquera, senón aproveitar esa novela túa que ninguén coñece, ou eses poemas manuscritos que non foron lidos por ninguén máis ca ti e pedirlle a unha empresa que os maquete e edite. Hai empresas como Codize que fan traballos de luxo empregando técnicas tradicionais e materiais de primeira calidade. Xa menos orixinal pero de igual calidade, sempre podes regalar un libro xa editado. Nós propoñémosche “Pintor por Italia” (Ed. Baía) de Xabier Correa na que o pintor ofrece textos e imaxes dunha especial singradura por este país. Correa Corredoira achéganos Italia desde dúas perspectivas: a escrita, máis inesperada nun artista plástico, a través duns textos ben traballados e que, en ocasións, se transforman en auténticas visións e presentacións poéticas; e a plástica, na que se recoñece máis o singular viaxeiro, e a través da cal nos dá a coñecer e propón un (re)coñecemento da arte que flúe por todas as rúas e cidades desa Italia, que no seu lapis e pincel, se nos transforma nunha máxica visión de cores.

Canda este libro, "Palabras contadas" (Xerais) de Camilo Franco inclúe máis dun cento de microrrelatos, outros trinta argumentos de novela, ademais de cinco relatos algo máis extensos, a xeito de bises. Aproveitando a funcionalidade da literatura breve o autor aborda, con grandes doses de humor e ironía, non exentas de melancolía, os temas e os xéneros máis característicos da narración: o amor, a morte, a dor ou a alegría. Conste que o máis orixinal (e que xa non se pode ver) foi a presentación editorial na que o autor facía a proba da literatura galega (comprobar se os libros ardían mal).

Música, que nunca falla
“Un rayo de sol” é pop de corte electro-acústico sobre unha base electrónica, que culmina un amplo espectro de arranxos que van desde o máis modesto ruído, á orquestración máis rotunda. A nova proposta de “Apenino” que seguro que gustará.

Xa é coñecido, pero non deixa de ser un agasallo orixinal. Trátase de “Las siete y media”; o ata de agora, último traballo de Iván Ferreiro. Foi concebido inicialmente como unha gravación exclusiva para os seus seguidores cos temas creados durante o año e medio que durou a súa xira e que xa formaban parte do seu repertorio en directo, o proxecto foi medrando ata converterse nun disco autónomo, cun son vigoroso que supuxo un novo xiro na carreira deste vigués.

Rarezas
E se lle ves trazas de circense ao teu amig@, Isla Malabar ten o que buscas: artigos de malabares para grandes e pequenos. Unha tenda de lecer alternativo (que está tanto en Santiago como na rede) para aqueles que foxen das novas tecnoloxías para o seu tempo libre.

Outro bo agasallo é un composteiro. Para alén de poder adquirilo en tendas especializadas en bricolaxe coma Bricoking, que ademais é galega, tamén hai diferentes concellos que os reparten. Unha boa opción á que lle podes achegar o manual de Compost feito por Adega para que os teus residuos acaben por converterse no mellor abono. Un xeito caseiro de darlle a mellor saída posible ao lixo que se fabrica na casa e unha das opcións a ter en conta.

Aínda que non é un agasallo porque é de balde, sempre pode recomendar que se dean unha volta por Mancomun.org, a iniciativa galega polo software libre, e se descarguen unha versión en galego do Ubuntu, unha distribución de Linux de doado manexo. Se damos un salto no tempo, sempre podes regalar unha armadura ou un casco medieval. Iso sí, para este agasallo chegas un pouco tarde porque cómpre facelo con moito tempo, xa que os pedidos van por encarga.

Unha maqueta da casa, ou de cómo era aldea cando era novo é outro agasallo moi bo. Unha empresa pontevedresa ("De novo") fai ese traballo, pero tamén gravado láser en diferentes materiais; realización de prototipos; limpeza e restauración de maquetas, pero tamén “ex-libris” orixinais para que poida marcar os exemplares da súa biblioteca. Nesta mesma liña tamén poden encargar un escudo de armas en pedra. Hai a quen lle fai ilusión, para pór na casa da aldea ou no salón do pisiño…

Sen entrarmos nas obras de arte de carácter único, unha opción orixinal é unha das serigrafías do Rei Zentolo, que as camisetas xa están moi vistas…

Doutra banda, a cooperativa Milhulloa, especializada en plantas medicinais e aromáticas, ten unha serie de produtos con diferentes tipos de propiedades que non debes deixar pasar. Nós presentámosche dous: un aceite de Améndoas doces con extractos de espliego, caléndula e milenrama especialmente b opara a psoriase, a dermatite e para empregar despois dei r á piscina. Can da el, o roll-on de Calendula, Menta, Romeu

Rematamos este percorrido co roupa, pero roupa non aptar para todos os días, senón para estes días de antroido que se nos aveciñan. Tanto os traxes de cigarróns como os traxes tradicionais populares, pura artesanía de Galicia con etiqueta de calidade.