Por medio dunha nota aos medios a Asociación Galega de Editores fixo hoxe pública a lista cos finalistas en todas as categorías dos Premios Ánxel Casal 2007. O comunicado desvela aqueles que aínda non se coñecían como son os casos do premio á colaboración no labor editorial e o premio ao autor ou autora do ano. Agustín Fernández Paz, Anxos Sumai, Pepe Carreiro e Suso de Toro son os candidato ao Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano. No caso do Premio Francisco Fernández del Riego á colaboración no labor editorial o programa da Radio Galega As quimbambas, Protexta da revista Tempos Novos, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e a Sección de Cultura do xornal Galicia Hoxe son os candidatos finalistas. A gala de entrega terá lugar este venres na Sala Maremagnum do Aquarium Finisterrae na Coruña durante a cea dos axentes do sector editorial.