Santiago inaugura o festival de títeres reunindo a 14 compañías de varios paises

Manipuladores

En Santiago inícianse os festivais de títeres que encherán de bonecos e de cor tres cidades durante case quince días. Tres certames que, a partires do próximo ano, pretenden unificarse no Gran Festival de Títeres de Galicia e que espera contar con extensións a outras cidades. Quince días de festa que organiza a Asociación Cultural Barriga Verde. As primeiras citas, desde hoxe, en Compostela e Pontevedra.

En Compostela (VI)


Con dez millóns de presuposto o programa desta VI edición de títeres de Compostela chega máis completo que nunca. O festival comeza hoxe co titiriteiro chinés Yeung Fai que traerá a súa "Ópera de Beijing". Por diante quedan catorce espectáculos que traerán a Compostela a premiadas compañías noutros festivais internacionais e que amosarán diferentes técnicas: fíos, varelas ou luvas.
15 espectáculos que se sucederán entre a sala SantYago, os prazas de Platerías e Toural e algunhas rúas de Compostela con espectáculos para grandes e pequenos. Un feito que demostra que a arte da manipulación é apta para todos os públicos.
Ademais, dentro da programación deste ano existe un oco reservado para o debate. Son as catro mesas redondas que organiza a Asociación Cultural Barriga Verde, en colaboración co Centro de Documentación do IGAEM, dirixido por Mar Nogueira. De feito, será ela mesma a que coordine dúas das mesas redondes. Unha delas tará lugar mañá e titularase "O autor e editor no teatro de títeres. Situación actual en Galicia e Hispanoamérica", e a outra será o mércores e abordará unha homenaxe á figura de José Silven e a súa barraca de títeres Barriga Verde.


En Pontevedra (III)



E hoxe tamén hai outra cita cos títeres, pero esta vez en Pontevedra. Na cidade do Lérez o encargado de inaugurar o cartel é a compañía Guaira Castilla coa súa obra "Historias Criollas" amosará unhas luvas moi inxeniosas. Un espectáculo que terá lugar no Teatro Principal. Un lugar que será, xunto coa praza de Curros Enríquez, os principais escenarios de exhibición.
Logo, pola localidade pontevedresa, pasarán algún dos principais espectáculos que estarán primeiro en Compostela. O festival de Pontevedra, coa súa terceira edición, é o máis novel dentro desta serie de eventos de exhibición titiriteira.


E, por último, en Lugo (IV)

Co inicio das festas do San Froilan iniciarase tamén a terceira cita titiriteira destes días: a IV edición do festival de Títeres que terá como escenario a lucense Praza de Campo Castelo. O evento iniciarase o xoves ás 6 coa obra "Monstruadas" de Falcatrúa, ó que sucederán 16 espectáculos que antes tiveron a súa representación en Compostela e en Pontevedra.