Tres mostras amosan diferentes modalidades artísticas

Fotos, contos e cerámica

| Santiago.Redaccion | Seccións: Arte
Compartir:

A fotografía en Compostela, a cerámica na Casa das Artes de Vigo e a ilustración para contos nunha mostra itinerante enchen Galicia de posibilidades de coñecer estas disciplinas artísticas.

As fotos da cultura

En Compostela é a exposición do fotógrafo Anxo Iglesias que se inaugura hoxe a que esperta o interese dos afeccionados a esta arte. "A Capitalidade en imaxes", título da obra, recolle a personal visión deste autor sobre os actos que se realizaron en Compostela con ocasión da Capitalidade Europa da Cultura que se celebrou no ano 2000. Iglesias, que durante este ano traballou para a empresa que xestionaba os actos retrata nas súa fotografías os eventos prestando especial atención ó ambiente da cidade. As fotografías poden verse no Auditorio de Galicia ata o día 1 de abril.




A cerámica

Desde Vigo chéganos a escultura realizada con cerámica da man de dous destacados artistas que combinan as súas obras nunha soa exposición. Trátase do Vigués Miguel Vázquez e do navarro Ángel Gazarra, que na mostras "Diálogos" amosan os seus xeitos diferentes de traballar a cerámica. Mentres Miguel Vázquez presenta os seus "Víricos", traballos nos que a cerámica se mestura con outros materiais que enriquecen a súa forma, Angel Gazarra presenta "Contrapunto", con obras que se basean na ambigüidade e o contraste en branco e negro. O diálogo pode verse na Casa das Artes de Vigo.




Os debuxos dos contos

Agora mesmo é Cerdido, concello Próximo a Ferrol, o que acolle na súa Casa de Cultura a mostra "Debúxame un Conto", exposición itinerante da Fundación Caixa Galicia que recolle obras de dezaoito debuxantes que teñen destacado no seu traballo coma ilutradores de libros infantís. Entre os escritores que teñen obras nesta exposición atopamos a Fran Alonso, Ana Romaní, Jaureguizar ou Marilar Aleixandre entre outros. A nivel de ilustradores temos a Vicente Blanco, Luis Castro, Fran Bueno, Andrés Meixide ou Víctor Tizón. Na mostra inclúense ilustracións previas ós relatos e contos escritos a partir dunha ilustración.

Que che parece esta nova?
27 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito