Xa se coñece a lista de películas da XV edición do festival Cineuropa

CINE elevado á 15ª potencia

O programa de proxeccións non está aínda pechado e agárdanse algunhas incorporacións de última hora despois do Festival de Cine de Valladolid que remata o día 3 de novembro. A gala inaugural abrirá ás proxeccións coa película Navigator, do realizador británico Ken Loach. Ata cincuenta películas pasaran polas salas compostelanas nesta edición do festival entre o 5 e o 30 de novembro.

Nova sección de cine fantástico



Este festival é unha das citas máis agardadas polos afeccionados á sétima arte na área de Compostela e reúne cada ano a miles de espectadores nas súas proxeccións, que se se estructuran en sete seccións e unha maratón. Na sección oficial, compiten 17 películas como a alemana "El silencio tras el disparo" de Volker Schlondorff, a americana "The Claim" de Michael Winterbotton, ou as españolas "Buñuel y la mesa del Rey Salomón" de Carlos Saura e "En construcción" de José Luís Guerín, estas súmanse as doce da sección internacional, coas que aparecen representadas as cinematografías de países como Irán, Thailandia, Arxelia, Arxentina e os EE.UU. O director técnico de Cineuropa, José Luís Losa, amosou a importancia que ten nos momentos actuais obter unha panorámica o máis internacional posible e comentou a relación dalgunhas das películas desta sección cos temas da actualidade mundial.

Incorpórase este ano á programación a sección "Fantastique Compostela", dedicada as produccións de xénero fantástico do último ano, na que aparecen, polo momento, cinco películas: "El experimento", "The Believer", "Donnie Darko", "Battle royale" e "Jeepers Creepers". O novo realizador francés François Ozon será o protagonista da retrospectiva coas súas tres obras "Gotas de pedra sobre auga quente", "Baixo a area" e "Sticom". Na sección cinefilias renderase homenaxe ós actores Jack Lemmon e Alec Guiness coa proxección de "O apartamento" e "O quinteto da morte". Na mesma sección exhibiranse copias restauradas de "Foise co vento" e West Side Story, unha oportunidade de ver "na pantalla grande do cine" estas películas condenadas á pequena pantalla do televisor, asegurou José Luís Losa.

Continuidade na fórmula


Outras dúas seccións completan o programa desta XVª edición; en "Transgresións" catro películas representaran ó cine que pola súa temática polémica teñen escandalizado ó público e a crítica nesta tempada, dúas películas coreanas "A illa" e "Mentiras" e dúas americanas, "Casei cun estraño" e "Requiem for a dream" presentan a cara polémica. Catro películas escandinavas tentarán relaxar os ríxidos principios do movemento DOGMA escollendo o xénero da comedia como vehículo: "Truly human", Fucking Amal", "Together" e "Italiano para principiantes"
O director técnico de Cineuropa, José Luís Losa, asegurou a continuidade da fórmula do festival dentro do concepto orixinario da importancia do espectador como eixo central do evento. Dentro desta idea segue , por segundo ano, a figura do Premio do público á mellor película. Unha votación que os asistentes fan entre as películas da sección oficial e que outorga 6.024 euros (un millón de pesetas) para a cinta vencedora. O que aínda está por confirmar é o nome da persoa relacionada coa industria cinematográfica que entregará o premio. Os organizadores aseguraron que sería alguén "moi creativo e exportable" pero eludiron anticipar o nome ante posibles incompatibilidades de axenda.

Xosé Baqueiro recordou o éxito de asistencia conseguido na pasada edición, con preto de 25.000 espectadores nas salas, e afirmou o "carácter aberto do festival", para o que, ademais do Teatro Principal, habilitaranse outras salas de proxección nos centro cultural de Vite ou no de Fontiñas, que se inaugurará para a ocasión.
A presentación do programa de Cineuropa viuse afectada pola triste nova do falecemento do artista Eugenio Fernández Granell, para quen o concelleiro de comunicación e festexos, Xosé Baqueiro, tivo unhas palabras de recordo e admiración, escusando á concelleira de cultura, Teresa García-Sabell, que tivo que marchar apresuradamente a Madrid para asistir ás exequias polo artista.