Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Cultura inicia unha política musical baseada en fórmulas que se aplican noutras industrias culturais

A POLíTICA ENTRA NA MúSICA

Cultura inicia unha política musical baseada en fórmulas que se aplican noutras industrias culturais

MISCELáNEA | xaneiro 22, 2007

imaxe non dispoñible

“Riqueza e potenciación da música galega” con estas palabras a Conselleira de Cultura fixou os obxectivos que definirán as actuacións da súa consellaría en materia de música. A nova política musical ten unha imaxe de marca “Galiciantunes” que se presentará nos futuros festivais musicais de todo o mundo. Inaugúrase así unha fórmula de axudas e subvencións semellantes as que aplican noutras industrias culturais.

“A música galega é todo aquelo que está relacionado coa industria musical do país, é dicir, criterios de representación do sector discográfico, pola creatividade dos artistas, se expresen en galego ou castelán e, por suposto, pola calidade”. Deste xeito explicou Luis Bará, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural o que a Consellaría de Cultura entende por música galega. E cara aí dedicarán a súa ollada este 2007 cunha liña de actuacións destinadas ao seu apoio e difusión das músicas producidas e editadas en Galicia.

¿Por que agora?
O sector discográfico agoniza desde hai tempo. As cifras da SGAE destacaban que os dereitos xerados por producións fonográficas (venta de CD e cassetes, aínda que millóns de euros en este último de xeito testemuñal), evoluíron do 2.8 millóns de euros en 2004 a 2.6 millóns en 2005, cun descenso do 7.8% para o sector. Ante cifras coma estas e as continuadas reclamacións do sector, a Consellaría de Cultura comezou a traballar man a man con el para deseñar unhas estratexias xerais que permitisen a dinamización do eido musical.

¿Como?
A nova política musical da Xunta está amparada en catro piares: a consideración da música como unha industria cultural, a ordenación das políticas públicas de fomento do sector, a atención as necesidades da visibilización social e distribución e, por suposto, a externacionalización da música. Unha estratexia semellante que xa se aplica no noso país desde hai tempo noutros sectores culturais como o do audiovisual.

Para acadar estes obxectivos a Consellaría de Cultura, directamente e a través do IGAEM, permitirá a creación de liñas de axuda, política de programación e política de promoción e proxección exterior. En primeiro lugar, as subvencións son para empresas e artistas, para a produción discográfica e para a difusión de proxectos discográficos que se editen neste 2007. En segundo lugar, a estratexia de programación e distribución no país supón a incorporación dentro da rede galega de teatros e auditorios a través dos circuítos xa anunciados: “Rede Galega de Música ao vivo”, “Circuíto 4x4” e circuítos culturais como “Cultura na rúa”, “Cultura nova” e “Cultura en familia”.

Paralelamente a todos estes obxectivos, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, tamén anunciou a necesidade da visibilización de todo o traballo que están a facer tanto artistas como empresas privadas dentro do sector. Por iso, dentro das medidas encamiñadas ao relanzamento do eido discográfico está tamén a presenza na prensa.

A proxección exterior
De tal xeito que o sector da imaxe ten o seu Plan de Internacionalización que desenvolve a través do Consorcio Audiovisual Galego, a música ten tamén a súa liña de promoción da exterior da nosa cultura. Con esta iniciativa, tal e como asegurou Luis Bará na presentación da política musical da Consellaría, “é a primeira vez que as empresas galegas contarán con apoio institucional na súa presenza no exterior”. Amparadas baixo a imaxe de marca “Galiciantunes. Music in action”, a consellaría apoiará a través do IGAEM a presenza en feira se mercados musicais de artista se empresas musicais (con axudas directas para a presentación no mercado).

Hoxe están no MIDEM de Cannes, unha das feiras máis destacadas do sector, pero tamén estarán no POPKOM de Berlín en o WOMEX de Sevilla. Amparadas baixo o paraugas de “Galiciantunes” en cada unha das feiras contarán con materiais diversos para dar a coñecer a industria musical galega: unha guía de recursos da industria musical galega (co seu correspondente sitio web) que incluirá unha carta de presentación da nosa música cunha escolma de 50 temas, un videoclip, un catálogo das nove empresas galegas que estarán presentes no mercado.

Aínda que os futuros escenarios nos que soará a música galega non son só estes, a Consellaría de Cultura xa puxo os ollos no ámbito lusófono, Galeuscat, os países atlánticos do denominado “celtismos” e os países que acolleron aos nosos emigrantes.

A aposta está feita, agora haberá que agardar a ver a resposta do mercado e do público tanto do país como o estranxeiro ás propostas musicais. Galicia sona máis que nunca.