Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música
Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música
xullo 19, 2004
Xa foron aló os Concertos do Novo Milenios que supuñan o prato forte da programación musical do Xacobeo en Compostela. En xeral a organización e os medios de comunicación coinciden en sinalar o éxito desta iniciativa, que trouxo a Galicia algunhas das máis destacadas estrelas da música internacional. Queda no ar a dúbida sobre se hai posibilidades de o repetir nos vindeiros anos.
Na presentación dos artistas que se pensaba traer aos concertos do Xacobeo, o conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela, anunciou que unha soa destas actuacións "vale máis que todos los concertos pop de Benicàssim". Realmente o cartel dos concertos de Compostela foi moi valorado por críticos coma Santiago Carrillo, director da revista "Rock de Lux.", ou Ignacio Gonzalo de "Ruta 66" que salientaban recentemente en "El Correo Gallego" o pouco prezo das entradas para a calidade dos artistas. Pola banda negativa, apúntase a diferenza de calidade entre os diferentes artistas e, segundo sinalaba Julio Gómez, do colectivo Sinsal "ao festival fáltalle compromiso coa actualidade e máis risco cos grupos".
Compostela-Benicássim
De calquera xeito, a comparanza co xa mítico Festival Internacional de Benicàssim non é de balde. A comezos de agosto Lou Reed participará tamén neste evento, e os Chemichal Brothers son xa un clásico da cita levantina. Pola súa banda, The Cure foi cabeza de cartel neste festival no 2002, Massive Attack pasou por alí en 1999, Muse en 2002 e Echo&Bunnymen no 2001, polo que vemos que as coincidencias entre os dous eventos non son poucas. De calquera xeito, débese recoñecer que é máis complicado traer artistas desta categoría a Galicia que a un festival consolidado coma é o FIB. Hai que ter en conta alén diso que, desde 1995 deu tempo a que pola localidade levantina pasase a práctica totalidade das grandes figuras da música moderna. A selección dos músicos realizouse directamente desde a organización do Xacobeo, segundo explica Xerardo Rodríguez, coordinador de Espectáculos Audiovisuais deste Xacobeo 2004. "Os criterios están baseados no que hai no mercado, non é sinxelo facer unha mestura de estilos, de calidades e de épocas musicais que contenten o abano máis amplo posible", apunta, "foi o equipo do Xacobeo o que ollou o que había no mercado".
A intención
"Os concertos internacionais pretenden simplemente que veña a Galicia xente de fóra que se move no circuíto de concertos e que non viría doutro xeito", apunta Rodríguez. Neste sentido, os Concertos do Novo Milenio Continuaron a liña dos que ofreceran Bruce Springsteen en 1993 e os Rolling Stones en 1999. "Séguese esa liña, o que pasa é que o proxecto vai crecendo grazas a que se fan as cousas ben e que contamos cos patrocinios axeitados", sinala Rodríguez, que lembra tamén que o custo destes concertos cóbrese integramente cos apoios de patrocinadores privados. Pódese dicir que se cumpriu o obxectivo. Se na edición do último ano de Benicàssim se contabilizaron arredor de trinta e cinco mil persoas, en Compostela trinta mil espectadores encheron cada noite, desde xoves e até sábado o auditorio do Monte do Gozo, o que, segundo os organizadores, supón arredor de oitenta mil asistentes, contando as entradas vendidas para concertos puntuais e os abonos a todo o ciclo. As contas son diferentes xa que en Benicàssim son maioría os que optan por chantar a tenda na zona de acampada do propio recinto, mentres que en Compostela non existía un lugar especialmente acondicionado para que os asistentes puidesen facer o propio, fóra dos cámpings e aloxamentos habituais da zona. Deste xeito, os visitantes que acudiron ocupados pola música sumáronse aos peregrinos e outros turistas para copar totalmente as prazas hoteleiras na cidade.
Turismo musical
Xerardo Rodríguez apunta neste sentido que "O criterio festival é moi relativo, hai acontecementos que merecen o cualificativo de festival sen que haxa acampada nin nada semellante. Non pretendemos imitar nin Benicássim nin o Festimad, o que queremos é dinamizar non só Santiago senón todo o contorno", e nese sentido apunta a ocupación absoluta que tiveron os aloxamentos da zona, mesmo os hoteis de cinco estrelas. Foi nestes días que, de xeito inédito, o sentido da peregrinación mudou, e eran lexión os que percorrían á inversa o tramo final do Camiño de Santiago, desde a cidade até o Monte do Gozo. En xeral, as rúas da zona vella estaban a rebordar duns visitantes inequivocamente festivaleiros. Sinistros fans de The Cure, rockers, rastas e en xeral afeccionados novos con camisetas dos seus grupos favoritos ocupaban as rúas e os supermercados. No Monte do Gozo a impresión repetíase, a fauna era inequivocamente de festival, máis que de concerto puntual: material de acampada, grandes cantidades de bebidas traídas desde fóra, provisións para as longas noites e mesmo xente que quedaba nas zonas máis elevadas do exterior do recinto coa intención de ver de balde na distancia algún dos seus ídolos.
Continuará?
A pregunta que queda no ar despois do éxito xeral deste evento é a posibilidade de que continúe un festival de música moderna en Compostela. Como se viu logo das anteriores edicións do Xacobeo a supervivencia dunha proposta coma o Santirock, o festival que quixo tomar o testemuño daqueles macroconcertos, non é sinxela. Desde o Xacobeo, Rodríguez insiste na idoneidade do Gozo para este tipo de eventos, "eu recomendaría facer do Monte do Gozo, acondicionándoo un pouco e cubríndoo, o grande auditorio de Galicia, ten condicións para se reconverter niso e transformaría Galicia en parte do circuíto internacional de concertos". Segundo el, onda o Gozo só o Coliseum da Coruña e o Auditorio de Castrelos en Vigo ofrecen condicións abondas para albergar eventos destas dimensións. En xeral queda todo aberto, os afeccionados á música, desde logo, están a prol da continuidade dun evento coma este, e as cifras conseguidas este ano son en principio favorábeis. A resposta soará no 2005.