Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A cervexa Estrella Galicia é unha das marcas comerciais que patrocina máis actividades culturais no noso país

CULTURA á LUZ DA ESTRELA

A cervexa Estrella Galicia é unha das marcas comerciais que patrocina máis actividades culturais no noso país

MISCELáNEA | xuño 21, 2004

imaxe non dispoñible

O negocio non pelexa necesariamente coa actividade cultural. A procura do consumidor que realizan moitas marcas a miúdo dá na organización e no patrocinio de concertos, certames, exposicións ou outras actividades. A ausencia de grandes empresas cunha proxección mediática forte no noso país fai que o fenómeno non sexa habitual, mais unha luz brilla con forza neste panorama: Estrella Galicia.

É difícil pensar un concerto sen os seus patrocinadores. Aínda que compite con marcas internacionais, Estrella Galicia mantense coma un dos máis firmes apoios económicos para a organización de concertos de toda clase e tamaño. A lista de eventos que contan co apoio desta marca é interminábel, e abrangue desde os maiores festivais que se poden ver no país coma o de Ortigueira ou Cultura Quente de Caldas até as verbenas de barrio, pasando por eventos históricos coma as diferentes edicións do Xacobeo. "Estrella non organiza eventos, apóiaos ou patrocínaos", aclara Manel Pérez, encargado de marketing desta empresa.

Patrocinios e programas
A distribución da publicidade está coidadosamente estudada. "A empresa ten varios tipos de cervexa, cada un cun mercado diferente, entón apoiamos eventos que se relacionen con cada un deses mercados", explica Lopez. Deste xeito, "a nosa cervexa HR ten un público de arredor de vinte anos, cun estilo diferente, e para este público apoiamos todo o relacionado coa música, festivais coma o Festidance". Por outro lado, "coa marca bandeira, Estrella Galicia, a máis popular, estamos presentes en moitos patrocinios de hípica, náutica ou de música máis arraigada coa cultura do país". Foi con esta marca coa que se realizou o patrocinio da xira mundial de Luar na Lubre do ano 2001 ou coa que a empresa acode cada ano ao Festival Celta de Ortigueira. Finalmente, "A cervexa 1906, está dirixida a un público máis maduro, e con ela apoiamos eventos coma festivais de Jazz ou o Festival de Cine de Ourense.". Alén dos apoios puntuais a determinados eventos, Estrella realiza apoios continuos con diferentes institucións e programas. "Temos convenios de colaboración cos concellos de Lugo e de Ourense, e aparecemos coma patrocinadores en moitas das súas iniciativas, tamén estamos no Xacobeo 2004, coma un xeito de apoiar a cultura galega e que nos visiten moitas persoas".

O Maketón
En 1999 Estrella Galicia embárcase nunha das súas propostas máis ambiciosas ao encargarse do patrocinio do programa Maketón de Radio Vigo. "O Maketón xurdiu nunha iniciativa para favorecer grupos que están a xurdir e fomentar a súa música a través das nosas marcas", sinala Manel Pérez. Co apoio de Estrella, o que até entón era unicamente un programa de radio local para grupos noveis ampliouse cunha xira de concertos e a edición dun CD anual no que se recollen os traballos de todos os participantes do programa. Neste ano 2004 o programa continúa achegando o seu apoio a grupos aínda descoñecidos e deste xeito, algunhas das formacións, solistas e picadiscos máis destacados do novo panorama musical galego participarán na xira, até completar unhas trescentas sesenta actuacións que, aínda que concentradas en grande medida Vigo, espállanse pola xeografía do país. Onda eles artistas consagrados do país coma A Quenlla ou Carlos Núñez, que tamén se integran neste programa. Alén diso, Estrella está tamén detrás dalgúns dos grandes concertos que vemos cada ano. Deste xeito a xira de Bisbal, Celtas Cortos, Bryan Adams ou Andy e Lucas contan tamén co seu apoio.

Estrella de cine
Un sector cultural no que Estrela mantén unha presenza importante é o audiovisual galego. "Facemos ás veces product placement con diferentes películas e series. Traballamos con "Pratos Combinados", con "As Leis de Celavella", e traballamos con diferentes series e películas, sobre todo as que están enfocadas no ámbito galego, gústanos que apareza a nosa cervexa", sinala Pérez. No propio web da empresa pode verse unha lista das últimas producións nas que está presente a marca. Deste xeito aparecen os filmes "O ano da carracha", "Isi&Disi", "La increíble aventura de Borjamari y Pocholo" e as series xa mencionadas, onda "Terra de Miranda" e o programa concurso "Noite Brava".

As botellas
Alén de apoiar eventos culturais, Estrella emprega un orixinal método publicitario co que tamén aposta pola cultura do país, as súas propias botellas e etiquetas. Se o ano pasado este soporte servía para chamar visitantes ao noso país nun intento de paliar os efectos negativos que sobre o turismo podía ter a catástrofe do Prestige. "A botella é un elemento clave de comunicación, chega a todas as partes, e téntamos facer do envase un xeito de promover Galicia, sen un interese lucrativo", explica Pérez. Logo do éxito colleitado coa iniciativa, este ano aproveitaron o mesmo soporte para crear o certame " E ti como ves o camiño?", que anima aos peregrinos a participar enviando as súas fotografías sobre o Camiño de Santiago e a gañar até seis mil euros alén de ver as súas creacións reproducidas na botellas. "O dos envases non é unha promoción para nós, senón un xeito de animar a xente para que participe, podes ver unha foto túa en cincuenta ou sesenta mil botellas que circulan por aí", insiste Pérez. A empresa anuncia que de cara a vindeiros anos pretende continuar con este xeito de promoción. Na mesma liña, prevén continuar coas actuais políticas de patrocinio, e preparan novos proxectos cos que, alén dunha bebida, tamén se apoia a nosa cultura.