Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Orquestra de Cámara Galega traballa nun proxecto de recuperación de compositores galegos

GALEGOS NA RECáMARA

A Orquestra de Cámara Galega traballa nun proxecto de recuperación de compositores galegos

CLáSICA/LíRICA | xuño 1, 2004

imaxe non dispoñible

Son músicos con estirpe. A Orquestra de Cámara Galega (OCG) presume de terra, pero non polo feito de que todos os seus compoñentes traballen e vivan aquí, senón porque desde que fundaron esta formación hai nove anos recuperan a música de autores galegos contemporáneos.

A Orquestra de Cámara Galega naceu en 1995 con director concertino (que agora mesmo é Rogelio Groba Otero, fillo do prolífico compositor Rogelio Groba). E neste breve período de tempo xa teñen dous discos: un editado e outro en camiño, pendente de ultimar negociacións coa casa discográfica. Pero o realmente peculiar desta formación é que no seu primeiro traballo (do ano 2000) xa tiñan claros e definidos os seus piares e principios: recuperar compositores galegos e estranxeiros para dar a coñecer que hai un panorama musical máis variado.

Un proxecto de recuperacións
"Nós somos autárquicos, endogámicos e facemos obras de investigación de compositores tanto galegos como de fóra" Quen fala é Rogelio Groba Otero, que é o director actual da formación. E para explicar esa afirmación toma como referencia o primeiro disco da Orquestra de Cámara Galega porque "resume a filosofía da orquestra: levamos unha de Rogelio Groba (pai) e outra miña, outra dun ruso e logo unha obra de repertorio. E iso indica que conta con música galega e con outros compositores que son menos coñecidos mais que merecen estar no panorama".

Foi o punto de inicio dun proxecto que pretende recuperar pezas de autores galegos contemporáneos. E nese traballo de investigación levan traballando desde a súa fundación. "Nós, apunta Groba, fixémolo porque é vergonzoso que en Galicia non haxa concertos en vivo de músicos galegos. E non só iso, senón que cando nós imos a outros lugares é obrigatorio que exhibamos música galega, porque temos o dereito a dicir que existe unha creación galega, porque non hai que colonizarse coa mesma obra de sempre".

E nesa variedade de proxectos os criterios que seguen son sempre os marcados desde a propia formación. "A selección, explica, faise conforme a criterios estritamente musicais, non só estéticos. E esta é a liña que iniciamos hai tempo e na que imos seguir, polo menos imos facer dous discos máis, onde faremos música galega, en estrea e en primeira gravación"

Programar en galego
Hai nove meses a SGAE fixera público un informe no que apuntaba que os compositores galegos eran os menos programados polas formacións orquestrais. Daquela, o xerente da Orquestra Sinfónica de Galiza, Patrick Alfaia, xustificaba ese feito alegando que habitualmente eran composicións que precisaban dun número de intérpretes moi elevado que encarecía o custe. No entanto, a Orquestra de Cámara Galega faino. Nese sentido, Rogelio Groba é claro e contundente. "Nós non funcionamos cun coro de 200 persoas, temos repertorio para facer suittes e hai bastantes concertos. Caro non é o que non lles apetece é arriscarse con algo novo ou, directamente o que fan é tirar de repertorio habitual, e non complicarse a vida. Unha obra nova implica traballala máis hai que descifrala, hai que escoitala moito e implica esforzo".

Nesta mesma liña, asegura que fan un traballo engadido porque "nós procuramos editar compositores galegos. Así, temos unha estreita relación coa Fundación Groba e fixemos unha serie de obras. E alén dese, hai un pequeno arquivo do IGAEM e logo está o arquivo da editorial Arte Tripharia. O peor é que os conservatorios fan caso omiso e na clase de historia debería haber un espazo para a música histórica galega, porque continúan a ensinar o de sempre".

Unha orquestra S.L
É curioso o empeño e interese que a Orquestra Galega de Cámara fai ao non tratarse dunha formación que dependa de ningunha entidade pública, ou que conte con ningunha subvención. "Nós somos unha sociedade limitada, que nos movemos nun orzamento de 18.000 ou 24.000 euros e que tocamos onde nos contratan" afirma Rogelio Groba. E acostuma a pasar que os chaman máis fóra de Galicia que dentro.

De momento, o seu calendario de citas comeza o vindeiro 5 de xuño, cando van a Madrid a iniciar a xira de presentación do seu segundo disco. Despois queda Ferrol e Pontevedra (dentro do Festival Internacional de Música), País Vasco, A Rioxa, Portugal e Santander e volta por Madrid antes do Natal.

AUDIO
Audio: Sinfonietta de Rakov
SINFONIETTA n. Rakov. Andante
AUDIO
Audio: Serenata para cordas de E. Elgar
SERENATA PARA CORDAS, de E. Elgar Larghetto
AUDIO
Audio: Divertimento para cordas, de R. Groba
DIVERTIMENTO PARA CORDAS R. Groba Otero. Allegro
AUDIO
Audio: Canto de berce de R. Groba
CANTO DE BERCE (para violoncello e cordas) R. Groba Groba Solo cello: Clara Groba Otero