Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Santiago, Ourense, Lugo e A Coruña son os únicos sitios que ofrecen programación estable de jazz en Galicia
Santiago, Ourense, Lugo e A Coruña son os únicos sitios que ofrecen programación estable de jazz en Galicia
febreiro 3, 2004
Moita da música que escoitamos nas series de televisión, nos recibidores dos hoteis, nos éxitos musicais do día e nas películas, a música que bailamos, desde o Charleston até o Rock, o funk ou a música disco se orixinan no jazz. Pero o jazz, na súa forma máis primixenia, foi sempre asunto dunha minoría. E así segue sendo hoxe en Galicia, alimentada pola devoción de afeccionados que se afanan en pequenos locais das grandes cidades a que este estilo, lonxe de morrer, se adapte aos sons da música de raíz.
O jazz é a música negra por excelencia. "Unha forma de facer música e fusión das diferentes culturas a partir da raíz de cada sitio. A diferenza dos Estados Unidos, en Europa o jazz baséase en música tradicional con personalidade". Quen fala é o ferrolán Baldo Martínez un dos referentes do que chama jazz galego ou atlántico por varios motivos: porque leva moitos anos no mundo da música coa que contribúe a través de numerosos proxectos, e porque segue traballando día a día en constituír un estilo de jazz moi persoal ao que incorpora elementos tradicionais galegos. Pero non é o único, músicos novos como Alberto Conde, un pianista ourensá, ou o santiagués Abe Rábade inclúen nos seus repertorios temas tradicionais, que xunto con músicos máis coñecidos como Nani García, Quim García ou Fernando Llorca crearon o chamado jazz galego. Un estilo que incorpora instrumentos tradicionais como a zanfoña, pandeireta ou corneta.
Os antecedentes
O jazz tivo as súas orixes no 1890 co ragtime en Nova Orleáns (nos Estados Unidos) aínda que isto non é máis que outro lugar común porque, aínda que é certo que esta cidade foi na que máis callou este movemento, non foi a única: Memphis, Kansas City, Dallas, San Luís e outras moitas cidades do sur e do medio oeste dos Estados Unidos. Aínda así, este estilo musical chegou ao noso país moito máis tarde. Foi nos anos oitenta (en 1980) cando empezou a espertar timidamente a través de iniciativas de afeccionados de xente como Baldo Martínez e Nani García que formaron Clunia, unha formación que chegou a sacar até catro discos, que foi presentada no Festival de Jazz de San Sebastián que lle supuxo unha visibilidade da que non gozara ningunha formación galega con anterioridade.
O ano clave foi 1980 porque foi nese ano cando en Compostela, Carlos Asorey fundaba o Dado-Dadá e na Coruña abría o Jazz Filloa. Pequenas illas de música negra que tiñan como principais características ser café-espacio de concerto, de iniciativa privada frecuentadas por unha pequena clientela asidua e fiel a este estilo de música.
A este panorama sumóuselle en 1986 o café Latino en Ourense. O seu dono, Eduardo Rodríguez, aproveitou que o modelo funcionaba en Coruña e Santiago, e fixo o mesmo en Ourense, convertendo o seu gusto polo jazz nun negocio. A listaxe de café-jazz complétase con Lugo, da man do Clavicémbalo.
Pasando pola etapa más silenciosa
Neste rexurdir do principio dos oitenta, o jazz agromou con forza e veuse a través de festivais que se organizaron en Vigo e na Coruña con apoio institucional. Todo parecía indicar que aínda que chegaba tarde, todos os esforzos parecían querer recuperar o tempo perdido. Mais o globo desinflouse enseguida e os festivais non chegaron a sumar moitas edicións consecutivas.
"Xa nos anos 90, explica Baldo Martínez, desaparece o apoio institucional e pasa a facer parte de iniciativas máis pequenas de carácter afeccionado". En Lugo o festival, púxose en marcha en 1991 da man do Clube Clavicémbalo e, en Pontevedra, naceu a partir dunha proposta do Concello e así continúa ano tras ano.
A este pequeno panorama que se mantén a día de hoxe cómpre engardirlle os ciclos que habitualmente organiza a Fundación Barrié, que cun orzamento e unha infraestrutura moito maior, trae a xente de primeiro nivel como Bárbara Hendricks u Charlie Haden. Polo demais, cómpre subliñar unha serie de concertos da man dalgunha entidade financeira que nos seus programas culturais que pretende ser unha miscelánea, acostuman a incorporar algún concerto de jazz que non debería de pasar esquecido.
Á marxe das programacións de festivais, suxeitos a datas moi concretas, os afeccionados ao jazz poden escoitar jazz na programación habitual das salas das principais vilas. Por exemplo, no Dado-dadá cada martes se organiza unha jam session, que non é máis que un concerto improvisado por músicos que participan libremente.
Os problemas actuais
Desde os anos oitenta até o día de hoxe hai máis músicos e máis nivel as razóns? Baldo Martínez apunta dúas "por unha banda porque xurdiron escolas especializadas, como é o caso da Escola Estudo en Santiago que é un centro privado no que estudaron mozos como Abe Rábade e que teñen moito que dicir no panorama actual. E por outra banda porque os músicos que nos formamos nos 80 fomos depurando o noso estilo ,e temos un mellor nivel técnico e conceptual". E a este feito tamén se lle engade que cada vez se conta con máis público. Aínda así para este bo nivel o panorama non parece ser moi frutífero.
Para Baldo o problema está en que "as institucións non acaban de crer que iso funciona, e que existe un público interesado; e por outro lado, os medios de comunicación tampouco axudan moito a fomentar este tipo de música".
Programar jazz é moi custoso e unha das posibilidades é buscar unha forma de coordinación entre os locais privados. Unha rede como a que hai varios meses se puxo en macha en Euscadi, cunha axuda oficial, mais aquí, asegura Baldo pola dispersión e a escaseza de locais, polos horarios é moito máis complexo porse de acordo.
Tamén che pode interesar:
- 6/ 5/ 2008 | Michel Camilo e Eddi Palmieri son os principais reclamos do Festival de jazz de Ourense
- 7/ 11/ 2007 | Lugo aposta por nomes coñecidos para o seu Festival de Jazz
- 14/ 11/ 2005 | Santiago e Lugo acollen esta semana unha nova edición dos seus festivais de Jazz
- 11/ 11/ 2004 | Ron Cárter e Yellowjackets estarán no Festival de Cine de Jazz de Lugo
- 2/ 4/ 2003 | O Jazz enche Galicia cos festivais do ourensán Café Latino e da Fundación Barrié