Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / As principais orquestras galegas dedican a maior parte da súa programación a compositores estranxeiros

DESPOIS DE MOZART....

As principais orquestras galegas dedican a maior parte da súa programación a compositores estranxeiros

CLáSICA/LíRICA | xaneiro 22, 2004

imaxe non dispoñible

Mozart, Bethoven, Brahms, Tchaikovsky, Ravel, Bach., Strauss... os repertorios clásicos e románticos centroeuropeos son os pratos fortes das programacións de abono e concertos especiais das principais formacións galegas: A Orquestra Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía. Pero...¿que pasa cos compositores galegos?

O repertorio de abono das principais formacións orquestrais de Galicia- a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía-, estivo sometida durante as últimas cinco temporadas a un minucioso análise por parte dun grupo de traballo coordinado pola Fundación Autor dependente da Sociedade Xeral de Autores de España. O resultado? Que as orquestras do noso país a zxcpenas programan músicos estatais (a OSG un 16.2%, entres que a Real Filharmonía dedica un 8.5%), e peor aínda se falamos de compositores galegos.

Os datos
Segundo o informe "O repertorio das orquestras sinfónicas en España" a Orquestra Sinfónica de Galiza (OSG) dedica un 15.2% aos autores galegos da porcentaxe de autores estatais (16.2%). E é curioso é que os programadores ofrecen no repertorio antes a autores valencianos (cun 25.9%), madrileños (21.4%) ou andaluces (16.1%) que aos galegos. Por outro lado, a Real Filharmonía de Galicia, aínda que presenta un repertorio cunha porcentaxe máis baixa de autores españois (un 8.5%), deles a maior parte son galegos (un 31%) fronte aos cataláns (24.1%) e aos madrileños (13,8%).

De todos os xeitos, o estudo, tal e como indica Patrick Alfaya, xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia "non representa máis que a temporada de abono, e iso implica que o 50% da Temporada da OSG queda fóra". E é máis, o 35% da temporada da OSG é aberta ao público, como por exemplo, o concerto máis concorrido da formación que é o que se celebra anualmente na coruñesa praza de María Pita, que ao non cobrar entrada non se contabiliza pola SGAE. E, segundo o propio Alfaya, este feito si podería alterar as porcentaxes porque nas saídas das OSG acostúmase a levar algún compositor galego.

Habelos, hainos
Por outro lado, Xoám Trillo, musicólogo e responsábel do Ars Gallaeciae Musicae que xunto co Compus Musicum Gallaeciae, son os dous catálogos de música culta galega que existen recorda que existen moitos intérpretes. "Temos unha música histórica moi importante, até finais do século XVIII, que é a que menos se programa. E a finais do S.XIX que é cando comezan a nacer os nacionalismos, a produción galega non pode competir con outros nacionalismos, como por exemplo Cataluña". Mais interpretar composicións anteriores ao XVIII é, segundo Alfaya, "un pouco difícil para unha formación clásica como a OSG, e implicaría un esforzo engadido moi grande polas súas características. O que non quere dicir que non se deba recuperar, é mais, ao mellor nalgún momento habería que reconsiderar que entre músicos das OSG e a Real Filharmonía ou das dúas, as puideran interpretar"

Os criterios
O responsábel das programacións das temporadas das formacións orquestrais dependen, en primeiro lugar, dos directores e, en segundo lugar, das súas negociacións cos xerentes (encargados da viabilidade dos proxectos) ou secretarios técnicos para poñelos en marcha. No caso da OSG, afirma Patrick Alfaya, "a programación lévaa o director artístico, Víctor Pablo Pérez, que ofrece unha serie de programas dos que logo eu avalío os custes. Normalmente analizo as liñas xerais, mais o responsábel último é Víctor Pablo".

Nas programacións existe liberdade á hora de escoller os programas, mais apunta Alfaya "nós temos conciencia de que se debe programa compositores galegos". E nesa dirección, precisa que se solicita material á Asociación Galega de Compositores, analizan as partituras que os propios compositores envían á OSG de xeito individual e espontáneo e, cando teñen varias enriba da mesa séntanse a estudalas. "O principal problema neste punto, explica Alfaya, é que se escriben obras difíciles de interpretar pola cantidade de persoas e medios que implicaría un custe económico elevado que non se pode asumir. Hai algunhas cantatas que recibimos que precisan de 200 coristas e iso supón un custe de 120.000-180.000 euros que é casi inasumíbel co noso orzamento".

E fóra?
"Hai que recoñecer que en Galicia non hai ningún Mozart nin ningún Beethoven, pero non se programa música galega" afirma Xoám Trillo. E entre os poucos que se inclúen nos repertorios o máis interpretado é Andrés Gaos. Precisamente sobre este compositor Xoám Trillo recorda ter feito unha primeira edición para o AGM e que "agora se está a tocar en Checoslovaquia, Alemaña, en diferentes formacións españolas e en Sudamérica. E iso grazas a unha publicación nosa (do IGAEM), e fixo que tamén lle interesasen a iniciativas privadas como Arte Tripharia". Pero tamén se dá a outra dirección, que é que unha formación dea a coñecer a un intérprete novo. Patrick Alfaya recordaba que a OSG acaba de interpretar unha partitura dun novo compositor coruñés, Octavio Vázquez, que levou con éxito a Alemaña e a Madrid.

Polo demais, a tendencia principal do resto das orquestras estatais, segundo o informe da SGAE, é que os compositores galegos se programan menos que os cataláns ou valencianos. Joaquín Rodrigo encabeza a nómina española, seguida por Manuel de Falla, Joaquín Turinoa, Xavier Montsalvage, Luís de Pablo, Cristóbal Halffter, Jesús Guridi e Roberto Gerhard.

As formacións
A Orquestra Sinfónica de Galicia, con doce anos de historia, ofrece a súa temporada de concertos de abono na súa sede, o Palacio da Ópera da Coruña. Pero na súa programación anual, alén da temporada de abono, conta tamén cun ciclo con orquestras e conxuntos invitados; outro ciclo dedicado á música de cámara; organiza o Festival Mozart, logo de ver renunciar a afrontar a outra grande cita coruñesa como é o Festival da Ópera, ademais dos concertos noutras localidades galegas e españolas e a presenza en festivais como os de Pésaro.

No seu oitavo programa de abono, dirixido por Víctor Pablo Pérez, a Sinfónica de Galicia conxugou a música do lugués Juan Montes cos do salzburgués Mozart ou o ruso Rachmáninov. Economicamente a OSG está financiada polo Consorcio para a música, entidade creada polo Concello da Coruña, aínda que conta con financiamento privado para poder organizar algunhas das citas programadas.
Pola súa banda, a Real Filharmonía de Galicia comezou sendo, en 1996, unha orquestra de cámara, aínda que desde que Antoni Ros Marbá asumiu a batuta está dando o paso definitivo para converterse en orquestra sinfónica. Actualmente acaba de sufrir un proceso de remodelación interno do que acaba de saír reforzado ao conseguir maior autonomía económica. A orquestra ten a súa sede no Auditorio de Galicia e naceu grazas á concorrencia da Xunta e do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela