Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Os Cempés cumpren dez anos encima do escenario presentando un novo disco “Moe a moa”
Os Cempés cumpren dez anos encima do escenario presentando un novo disco “Moe a moa”
xaneiro 8, 2004
Comezaron como tantos outros grupos: no instituto, nos recreos e faltando a algunha clase para poder tocar ás agochadas ou non tanto. Carlos Zaera e Óscar Fernández, collían o acordeón e a gaita e soñaban musicalmente, non cos ditames da música pop e rock que invadían os institutos, senón co patrimonio musical da terra, como facía daquelas Milladoiro ou Fuxan os ventos. Dez anos despois, Carlos xa non está aquí para ver que o pé que avanzou con aquel soño de estudante deu lugar aos "Os Cempés" que acaban de presentar o seu cuarto disco "Moe a moa".
Este nadal as tendas de músicas ofrecían entre os seus títulos un directo moi directo. Era "Moe a moa" o cuarto e último traballo de "Os cempés". Gravado no Auditorio de Castrelos en Vigo o pasado 26 e 27 de setembro, o novo traballo amosa un camiño xa iniciado en "Circo Montecuruto" pola formación. Con "Moe a moa" continúan a darlle máis protagonismo ao esquema clásico do rock&roll que arrola os ritmos da música tradicional galega. "Moe a moa" inclúe tamén as incorporacións de José Piñeiro e Cabe García á batería e á guitarra eléctrica que imprimen unha nova dirección no camiño emprendido anos atrás por Carlos Zaera e Óscar Fernández.
O primeiro pé
Foi en 1983 cando Carlos Zaera e Óscar Fernández decidiron cumprir co seu soño adolescente e crear un grupo no que puideran facer sonar o seu acordeón e a súa gaita emulando a "Milladoiro", "Gwendal", "Bleizi Ruz", "Fuxan os ventos"... grupos que estaban a manter e a actualizar o patrimonio musical dos seus pobos. Foi así como naceron "Os Panxolos" que uniu aos dous amigos e que foi a semente de "Os Cempés".
Anos máis tarde, en 1988, liados por Antón Varela, cunha furgoneta, escasos medios e catro pesos no peto iniciaron unha viaxe a Saint Chartier, do que volveron co público metido entusiasmado e un par de galardóns que deron azos ao grupo.
Segundo pé
Foi así como entraron no grupo Beto Niebla, Pablo e Serxio Ces, tamboril, voz, pandeireta e bombo. É neste momento cando o quinteto pasa a chamarse pola primeira vez "Os Cempés" e comezan unha nova singradura que dura até hoxe.
1995 é un ano importante para o grupo por bos e malos motivos. Foi nese ano cando editaron o seu primeiro disco "¡¡Opa iii!!" que tivou moi pouco callado en Galiza, aínda que non en circuítos europeos. E precisamente, vendo os créditos dese primeiro e curioso traballo (porque foi gravado en directo) figura o artesán Antón Vamonde como único gaiteiro. Precisamente foi nese ano, e xusto antes da súa edición, cando Carlos Zaera fina nun accidente de tráfico.
"¡¡Opa iii!!" forma, xunto co segundo traballo "Capitán Re" a primeira etapa musical dos Cempés. Caracterizada por interpretar temas tradicionais (as pezas de autor chegan da man de Óscar Fernández) presentan un son que recorda ao das verbenas da aldea, aos pasodobres, en resumidas contas, un estilo musical que serve como unha maneira de loitar para manter a tradición viva.
Terceiro pé...
Tras a xira do segundo disco os músicos Pablo Cés e Beto Niebla deciden abandoar a formación. Un feito que obriga a un replantexamento interno do grupo, que pronto encontra o seu novo camiño coa incorporación do baterista Toni do Jaz, que chega dos ambientes roqueiros ferroláns. Nace así "Circo Montecuruto", que é o segundo disco de estudo, terceiro da formación, que contou coa presenza de Uxía Pedreira, Pancho Álvarez ou os Metais Preciosos.
No entanto, resulta curioso esa forma de reinventarse a si mesmos. E dicimos reinventarse pola nova polifonía creada cos clarinetes, saxos e da batería sen perder a mesma materia prima que os fai característicos: as mazurcas, os pasodobres e as xotas. Os Cempés volvían amosar que era posíbel escoitar e ver a música de sempre desde un punto de vista diferente.
"Circo Montecuruto" non tiña un nome casual. O terceiro traballo tiña algo de circo, que era o que achegaba a outra nova incorporación do momento, o baixo eléctrico de Óscar Painceiras.
... e os "Cen-pés"
Con todo este longo percorrido Os Cempés abren o 2004 con "Moe a moa", un novo traballo que marca un punto máis neste camiño iniciado hai dez anos, con pés diferentes, con pegadas de diferente calado, son e duración, mais sempre co mesmo obxectivo: tocar para manter a tradición viva.