Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Real Filharmonía pon en valor o inconformismo como motor da creación musical

O PROGRAMA 2024-2025 XIRA ARREDOR DESE CONCEPTO E INCLúE ADEMAIS DúAS RESIDENCIAS ARTíSTICAS

A Real Filharmonía pon en valor o inconformismo como motor da creación musical

CLáSICA/LíRICA | xuño 17, 2024

imaxe non dispoñible

A Real Filharmonía de Galicia presentou este venres as chaves da temporada 2024-25. 'Inconformistas' é o lema desta nova temporada co foco en compositoras e compositores que ousaron desafiar as normas establecidas abrindo novos territorios sonoros. Deste xeito, a programación ten como fío condutor a música de tres figuras destacadas da composición: parte de Ludwig van Beethoven, "o inconformista orixinal" quen sentou as bases do repertorio orquestral moderno; detense tamén na figura de Hector Berlioz, grande experimentador da tímbrica, e esténdese ata o presente, coa atención na innovación compositora de Raquel García-Tomás, primeira compositora en residencia da RFG. No tecido deste fío narrativo, a tempada percorre a traxectoria e as obras de artistas incomprendidas/os no seu tempo cuxa pegada é hoxe indiscutible no gran repertorio musical: aos nomes de Franz Schubert, Anton Bruckner, Gustav Mahler, Charles Ives, Edgard Varèse, ou o inclasificable roqueiro Frank Zappa -por citar só algúns deles—-, súmanse os de mulleres como Marianne von Martinez, Elisabeth Jacquet de la Guerre, Ruth Crawford-Seeger, que contribuíron a traspasar fronteiras sonoras e de xénero.

Novas figuras: artista en residencia e compositora en residencia
A Real Filharmonía de Galicia incorpora neste curso dúas novas figuras artísticas en residencia que ocuparán un papel central na exploración de novas sonoridades e camiños creativos. Por unha banda, a violinista e directora francesa afincada en Vigo Amandine Beyer, recoñecida como unha das violinistas barrocas máis extraordinarias da actualidade, dirixirá a orquestra en tres programas con repertorio histórico. Por outra banda, a citada compositora Raquel García-Tomás, Premio Nacional de Música 2022, estará presente na programación da orquestra con tres obras. Unha delas, 'Ceci n’est pas une vals', é unha co-encarga da Real Filharmonía, o Palau de la Música Catalana, a Orquestra Simfònica del Vallès e a Fundació Catalunya-La Pedrera, e será presentada en estrea absoluta o día 7 de novembro.

Alén da incorporación destas novas figuras, o estímulo á anovación creativa toma forma coa presentación doutras dúas obras feitas por encarga da Real Filharmonía de Galicia para esta temporada: a compositora vasca Helga Arias presentará no mes de marzo unha obra realizada en co-encarga coa Orquestra Basel Sinfonietta e o galego Miguel Matamoro estreará en maio a súa peza Endurance, feita tamén por encarga da RFG.

Concertos fóra de abono
El liña co tema da temporada, os concertos didácticos e familiares serán tamén 'inconformistas' e gardarán lugar para espectáculos e colaboracións excepcionais como 'O Grande Beethoven', do Serviço Educativo da Casa da Música de Porto; 'As preguntas sen resposta?', un programa singular conducido por Sebastian Zinca e ideado por Olaia Novo; e 'Parade, o circo dos valentes', da man da compañía teatral La Maquiné.

Coa premisa de chegar a públicos diversos, conquistar novos espazos colaborar con iniciativas de corte social, a RFG abre a temporada con concertos de balde en diferentes barrios composteláns. Nos días 18, 19 e 20 de setembro, visitará Galeras, Santa Marta e Igrexa da Mercé de Conxo. Ademais, o día 27 do mesmo mes ofrecerá un novo concerto en colaboración con Sensoxenoma, un proxecto investigador promovido polo IDIS que analiza o vínculo entre a música e a cura dalgunhas enfermidades. E o día 16 de novembro visitará a Cidade da Cultura para presentar un programa con obras de Vivaldi e Richter nunha actuación co concertino James Dahlgren dirixida por Brönnimann.

A programación 2024-2025 da Real Filharmonía inclúe ademais espectáculos fóra do circuíto compostelán que cómpren coa súa misión de vertebrar musicalmente Galicia. Ofrecerá concertos nas cidades de Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, Ferrol e A Coruña e chegará no verán ás localidades de Celanova, Merza e Lalín.