A Xunta achega 160.000 euros para a temporada lírica da Coruña
maio 14, 2024
O Consello da Xunta aprobou onte a sinatura do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e a Asociación Amigos de la Ópera da Coruña, a través do que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribuirá con 160.000 euros á organización da 72ª edición da temporada lírica da cidade herculina, 10.000 euros máis que o pasado ano. A achega económica da Xunta de Galicia a esta programación materializarase na posta en escena e nas actividades paralelas da ópera 'La Bohème', de Giacomo Puccini, que poderá verse a primeiros de setembro no Palacio da Ópera. Será un dos principais eixos da temporada lírica, que a organización está a preparar para 2024 e que, como en anos anteriores, ofrecerá numerosas citas musicais durante todo o outono.
Coa produción de 'La Bohème', Amigos de la Ópera renderá homenaxe ao gran compositor italiano no centenario do seu pasamento cunha das súas obras máis coñecidas, baixo a dirección musical de José Miguel Pérez-Sierra e a escénica de Danilo Coppola. Contará, ademais, cun elenco de primeiro nivel, entre o que se atopan, ademais, varios intérpretes galegos. Neste sentido, continúase afondando no papel da programación lírica coruñesa como plataforma para contribuír a unha maior proxección social do traballo de cantantes, compositores e músicos galegos no ámbito da lírica.
Tamén che pode interesar:
- 29/ 6/ 2023 | Aida e Romeo et Juliette protagonizan a Temporada Lírica da Coruña
- 18/ 2/ 2016 | Concello, Deputación e a Xunta colaboran para manter un programa lírico na Coruña
- 3/ 2/ 2016 | Un concerto reclama a continuidade da Temporada Lírica
- 11/ 1/ 2016 | A Orquestra Sinfónica suspende a venda de abonos da Temporada Lírica
- 3/ 6/ 2014 | A Coruña presenta a súa nova Temporada Lírica