A instantánea da música 2024: Unha colleita de rock
maio 10, 2024
O Pop-Indie e, sobre todo, o rock, consolidan o seu predominio nas propostas musicais que se fan en Galicia, a supor un de cada tres proxectos en activo. As candidaturas dos XI Premios Martín Códax da Música amosan un panorama no que se perde variedade e no que destacan os crecementos dos xéneros de música de raíz e do Metal e Heavy.
Hai movementos importantes nos xéneros musicais que se fan en Galicia. Cando menos, así o amosan as inscricións aos XI Premios Galegos da Música, que revelan un panorama no que os xéneros maioritarios incrementan o seu peso de xeito inédito e amosan unha colleita de 2024 na que o rock recupera o trono. Queda por ver ata que punto a situación se consolida ou se o crecemento, lento pero sostido, de propostas como as músicas urbanas, a electrónica ou os xéneros de raíz dan para incrementar a variedade no sector.
Participación
Cun total de 464 inscricións, os XI Premios Galegos da Música recuperan participación por segundo ano consecutivo. As 407 propostas a concurso nas categorías musicais fican na media histórica do concurso, e a estas súmanse outras 57 inscricións nos premios Organistrum. A Asociación Músicas ao Vivo, que organiza estes galardóns, considera que as cifras amosan que os galardóns "están asentados", segundo salienta o xerente da entidade, Manu Alonso. "Voltamos ás cifras case das primeiras edicións", apunta.
Un ano de rock
Por xéneros, o máis destacado desta xeira é o espectacular incremento de inscricións na categoría Rock e Punk, que acada 71 propostas, 29 máis do que no último ano, e pasa da terceira á primeira posición por número de participantes. A cifra fai que un 17,44% do total de propostas a concurso se adscriban a este xénero, oito puntos máis do que en 2023. A porcentaxe non se acadaba desde 2017 e supón a segunda máis alta da categoría na historia dos premios.
Segundo apunta Manu Alonso, este espectacular crecemento débese en boa medida ao traballo da organización. "Fixemos un esforzo intensivo para tentear dilucidar as diferenzas entre Rock e Metal, é bastante complicado separar os xéneros en determinados casos". No entanto, apunta que "ao final tamén Metal e Heavy subiu en participación, entón vese que os premios chaman a moitas bandas neste campo" sinala.
Dominio dos xéneros maioritarios
Canda a esta, outra das categorías maioritarias, da Pop e Indie, tamén medra case 5 puntos ata supor 13,51% das inscricións rexistradas. Aínda que estes xéneros tiveron altibaixos ao longo da historia dos premios, percíbese un crecemento xeral desde 2018, cando supuña só o 8,8% das propostas.
Estes crecementos fan que as dúas categorías principais superen a de Canción de Autor/a, que nos últimos dous anos situárase como a máis numerosa. Unha caída de tres puntos deixa este xénero cun 10,32% das inscricións, cifra que destaca fronte ao máximo de 14,20% que acadara en 2022. Encol do seguimento deste apartado, Alonso apunta que "máis do que unha tendencia de estilo, penso que o crecemento desta categoría, que mantén cifras moi relevantes, ten que ver coa progresiva diminución que se está vivir no número de compoñentes das bandas. Desde a pandemia estamos a ver que cada vez existen menos formacións grandes fóra das músicas de verbena e das bandas de música. Dáse unha diminución nos tamaños para se axeitar ás posibilidades de pago que existen".
Mesmo con este descenso, os tres xéneros maioritarios incrementan o seu peso no conxunto de propostas inscritas. A suma chega ao 41,27% das candidaturas, fronte ao 37,6% de 2023, e só as Rock e Pop totalizan 30,95% da música que participa no país. Deste xeito, confírmase a tendencia unha menor variedade nos estilos que compoñen o panorama sonoro galego. A ollar a serie histórica de candidaturas acumuladas por cada xénero confírmase o peso destas propostas ao longo da última década.
Heavy, Electrónica e Raíz en auxe
Canda ao crecemento das dúas grandes categorías, destaca o que rexistran a de Metal e Heavy e mais a de Electrónica, que se recuperan das leves caídas que sufriran de 2023 e semellan afastar a pantasma do devalo. No caso de Metal e Heavy, en concreto, o incremento de punto e medio sitúa estas propostas no 6,9% do total de inscricións, eleva ao xénero ata o quinto máis tocado e consolida o crecemento medio que experimenta desde 2018, cando supuña unicamente o 4,3% dos proxectos inscritos. No caso da electrónica, acada un 6,4% de participación fronte ao 5,18 de 2023 e semella estabilizar a súa presenza no certame, ao pasar do noveno ao sexto posto con máis seguimento.
Ademais destes, é especialmente destacable o incremento sofre o xénero do Folk. Pasa do 4,6% de 2023 a supor o 6,39% dos proxectos inscritos no certame. A suba fai que o estilo ascenda tres postos entre os máis interpretados e pase do décimo ao sétimo. Cómpre ter en conta o incremento racha unha tendencia descendente que se daba desde 2019, cando a categoría acolleu o 10% das propostas a concurso, nun ano no que integraba tamén as inscricións da categoría de Música Tradicional. Esta última tamén consegue un leve incremento de 0,3 puntos que a sitúa nun 4,67%, o que amosa que non son estes proxectos os que alimentan o crecemento do folk. A suma dos xéneros neste 2024 suma deste xeito un 11,06% de proxectos de raíz que optan aos galardóns.
De novo para Alonso a cifra responde máis a un incremento nas inscricións do que a un maior seguimento do xénero no panorama galego. "Conseguiuse chegar a máis xente desde ámbito. A escena en xeral é potente e consolidada, aínda que poida que houbese un certo devalo do folk durante uns anos logo do bum dos primeiros 2000. Agardamos que este crecemento continúe nos vindeiros anos" conclúe.
Devalos mestizos e urbanos
Ademais da música de autor, estes incrementos desenvólvense a costa da participación en categorías como Músicas do Mundo e Mestizaxe, que perde 2,2 puntos e fica co 7,8% das propostas, no que é o segundo maior descenso da súa historia. A situación racha unha tendencia nesta categoría que, agás en 2016, sempre rexistrou unha representación superior aos oito puntos. "Témola un pouco como caixón de xastre para que se apunte xente que non se ve noutros estilos", recoñece Alonso, un carácter que pode explicar en boa medida a súa variabilidade anual.
Pola súa banda, tamén perde peso o apartado de Hip-Hop e Músicas Urbanas, un dos que acumulaban un maior crecemento medio desde 2017. Se neste período ascendeu do 2,8 ao 6,54% do total de proxectos, na actualidade racha a tendencia, fica no 5,41% das propostas presentadas e descende do quinto posto ao oitavo de música máis interpretada. Encol deste ámbito, Alonso sinala que "a participación mantense, pero considero que nos falta chegar a moita xente nova. Vemos que existe unha vaga de xente a facer cousas e mesturar electrónica con músicas urbanas ou de raíz, e de feito penso que parte do auxe da categoría de Electrónica pode vir de aí. Pero entendo que, a ver o panorama, a tendencia en músicas urbanas debería ir cara ao crecemento, e aí é traballo noso chegar á mocidade, ás veces cústanos".
Menos Jazz e Blues
Continúa o devalo tamén no campo do Jazz e Músicas Contemporáneas, que por terceiro ano perde seguimento e fica nun 4,18% das inscricións. Blues, Funk e Soul racha tamén a tendencia ao crecemento dos últimos tres anos e sofre un importante descenso, a ficar con só un 3,19% das propostas. En xeral, estes estilos acumulan unha baixada case continua na década de histórica dos galardóns, logo do máximo dun 5,8% que obtiveran en 2016. O xerente de Músicas ao Vivo apunta que a situación no Blues "é similar á que tiña a de Reggae, Ska e Mestizaxe", que en 2022 se integrou con Músicas do Mundo. "Vemos que máis ou menos inscríbense sempre as mesmas formacións. É unha categoría moi acoutada respecto a outras como Rock e Pop, onde poden inscribirse moitos estilos diferentes. É difícil que neste apartado se poida dar un incremento significativo nos vindeiros anos", advirte.
A Música Clásica retoma a súa participación media dos últimos anos e fica nun 4,91% logo do ascenso que viu en 2023. O fenómeno é similar ao da música infantil, que co 3,69% actual fica lonxe dos seus picos de participación, cun máximo de 6,5% en 2018. As Bandas de Música Populares, cun 3,44%, incrementan a súa base e obteñen a súa segunda mellor cifra na historia deste galardóns, mentres Orquestras e Grupos de Verbena rexistran un ano baixa participación (1,97% fronte ao 3% de 2023).
Música máis internacional
Por orixe dos proxectos, é de sinalar o crecemento de propostas chegadas de fóra do Estado Español, unha tendencia que semella contar cada vez con máis seguimento. Deste xeito, se en 2023 dos 13 proxectos non galegos 8 se desenvolvían a nivel estatal, nesta ocasión a tendencia invértese e son só 5 de doce os que veñen do interior das fronteiras españolas.
Encol das orixes do proxectos, en Músicas ao Vivo salientan esa maior diversidade. "Hai propostas de Bruxelas, Colombia ou Gales", apunta Alonso, quen considera que estas candidaturas responden "a dous perfís claros. Por unha banda hai grupos que fan música de raíz desde destinos de emigración, e pola outra vese xente que fai música e que por determinada razón está fóra, como é o caos dos proxectos de Nova York e Gales. É un fenómeno moi interesante que amosa a internacionalización da música galega".
Festivais e salas
O fenómeno faise sentir tamén na área dos galardóns a festivais onde, das 19 inscricións, non compite ningunha das citas que se celebran na provincia de Lugo e, pola contra, está presente o EmigraSon de Bruxelas. Coa xa habitual ausencia dos nomes máis destacados do panorama festivaleiro galego, o xerente de Músicas ao Vivo recoñece que esta "é unha categoría nas que nos custa chegar a todo o mundo. O número, aínda que decreceu un pouco, non está mal", pero pensamos que deberían estar presentes moitas citas que non se apuntan". A situación é similar no caso das salas, que pasan de 14 a 9 inscricións e continúan as ausencias de nomes consolidados. "Hai que estar detrás delas para que se apunten. En xeral temos moi boa colaboración, dannos apoio e moven o certame a animar ás bandas a se apuntaren, pero elas mesmas non se inscriben.
Cidades sonoras
Vigo continúa como a cidade cunha maior presenza nos galardóns, a achegar un 21,9% das inscricións, con A Coruña, Santiago, Pontevedra e Ourense a manter postos. A caída de Lugo, do 6,3 ao 4,8% das propostas, que relega a localidade ao penúltimo posto das cidades, só por diante de Ferrol, é o máis destacado neste ámbito. Entre as localidades que seguen a clasificación, é de sinalar o descenso de Vilagarcía do oitavo posto con máis representación ao décimo segundo e o incremento da presenza de Melide. En xeral, nesta parte da táboa verifícase a repetición ano a ano destas localidades canda a outras como Redondela, Mos ou Ribeira.
O retorno da radio
Nos medios, á súa vez, destaca unha menos hexemonía dos que empregan a rede como soporte principal. Se o ano pasado a categoría englobaba un 81% das propostas neste 2024 suman unicamente un 62,1%, con 18 proxectos fronte a 26 de 2023. O espectacular crecemento da radio, que pasa do 3,4% ao 24,1% das candidaturas marca a edición neste apartado. Este auxe vese acompañado dun maior peso tamén das propostas escritas, que ascenden do 6,9 ao 10,3%, e a aparición dunha proposta televisiva nas candidaturas, PlayList CanedoRock. A restrinxida participación histórica nesta categoría explica en boa medida a variabilidade que sofren estas cifras ano a ano, queda por ver que a preponderancia da rede á hora de abordar a música do país continúa ou se esta se ve ameazada.
A outra participación: o público
No entanto, a falar de participación, en Músicas ao Vivo destacan en particular a grande novidade desta edición, que é a apertura das votacións ao público xeral. "Estamos a ver un seguimento importante en todas as categorías, nalgunhas nesta altura roldamos entre 2.000 e os 4.000 votos, e hainas que mesmo superan esta cifra. Pensamos que é algo interesante de manter. Que os grupos soliciten o voto ao público fai o certame moito máis participado, e ao ser obrigatorio votar en diferentes categorías anímase á xente a descubrir novos grupos e xéneros e que, cando menos, escoiten as propostas finalistas", salienta. "Logo da entrega analizaremos polo miúdo o proceso. Xa estamos a ter bastante feedback e ideas para mellorar cousiñas do proceso de votación". Antes diso, haberá que agardar a gala do vindeiro 15 de maio, no Pazo da Cultura de Pontevedra, para coñecer os proxectos gañadores desta xeira.