Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A maior parte dos grupos galegos que cantan en inglés considéranse cultura galega

THE OTHER MúSICOS

A maior parte dos grupos galegos que cantan en inglés considéranse cultura galega

ROCK | outubro 16, 2003

imaxe non dispoñible

“The past to come”, “Pocket Monsters”, “If things were to go wrong”, “Things I Wanted”. “Arguments”... son, aínda que non o pareza, os títulos dos últimos traballos de músicos galegos. É música alternativa, independente. Cada grupo, por motivos diferentes, optou por expresarse musicalmente noutro idioma (maioritariamente en inglés). Pero non por iso eles deixan de considerarse cultura galega.

Cinnamongum (accid jazz), Donatore di Groove (accid jazz funk), Enveloop (ecléctico), Killer Barbies (punk rock), Samesugas (rock&roll) , Stay Pretty (rock&roll), Isla Bikini (pop rock) e Deluxe teñen un punto en común. Que son música da etiquetada como alternativa e, case todos eles (agás o caso de Enveloop que fan música electrónica), cantan en inglés. Cada un por motivos ben diferentes, pero todos eles responden positivamente cando lle preguntamos se se consideran música galega.

¿Cultura galega?

“Considerámonos música galega non apoiada” Deste xeito tan sintomático Iván Salgado, membro de Cinnamongum e Donatore di Groove (a pertenza a varias bandas é algo habitual nos circuítos alternativos) defende a cultura galega. E matiza esa falta de apoio ao afirmar que “a maior parte das entidades apoian unicamente a música folk e os que fan cousas diferentes non teñen case ningún tipo de axuda”. Pero non é o único que pensa así, Roi, baixista de Stay Pretty, considera que é “somos galegos e por iso somos cultura galega”. Para el a cultura non está só na lingua en que canta, porque “a cultura tamén condiciona o carácter e nós, non só tocamos, senón que falamos coa xente nos nosos concertos e aí hai un fondo cultural”. Máis contundente é Pope de Isla Bikini “formamos parte da cultura de Galicia, xa que para ben ou para mal este é o contorno en que se desenvolveu a nosa faceta musical”.

Pero a maior parte da xente non os percibe como tal, e todos eles teñen claro que existe unha parte do sector que non os considera cultura galega. É a cara máis amarga de facer un traballo independente e unha aposta persoal. “Ás veces, afirma Roi, atopámonos pechadas portas de locais, de discográficas... polo feito de non cantar nin en castelán ni en galego. Hai un submundo de músicos en galego algo endogámico”. Unha realidade que tamén ten constatado Iván. Pero Iván, quen tamén toca nun coñecido grupo de música folk, vai aínda máis lonxe e apunta que “aquí non hai eventos, nin certames, nin apoio para un chamado circuíto alternativo”.

Se son cultura galega... ¿por que en inglés?

“Nós -Cinnamongum- apegámonos a un estilo musical americano a medio camiño entre a música dos sesenta e o funk e cantamos sobre unha estética musical, o groove, que non ten traducción posible”. Así -comenta Iván- emulando ese estilo naceu un primeiro tema en inglés co que se sentiron a gusto e seguiron compoñendo nesa mesma dirección. Un proceso natural, que tamén se deu en casos como os de Stay Pretty, no que cantan en inglés porque “é unha cultura de oído. Non foi unha decisión meditada, senón porque o noso pseudo-inglés era o que pegaba con esa música”. Completa Pope, de Isla Bikini, que “a música que nos facemos ten a súa orixe en bandas estranxeiras e está dentro dese contexto. Non imaxino unha muiñeira en ruso”.

O mercado

Moitos deles teñen discográficas con domicilio social en Madrid ou Barcelona, con managers do estado español e cun público fiel, aínda que na maior parte das veces de fóra de Galicia. Pero non todos teñen tan claro o seu mercado. As Killer Barbies arrasan en Alemaña, de feito o seu sitio web está por defecto en alemán; Cinnamogum ten o seu mercado no Reino Unido e en Francia, onde segundo comenta Iván teñen varios proxectos para o verán que vén. Pero pola súa parte, Jose Luís González de Enveloop, ten claro que “o meu mercado está onde haxa alguén ao que lle guste a miña música e para iso Galicia como calquera outra parte”. E é aí onde tamén se centra Isla Bikini, porque segundo reflexiona Pope, “quizais en Galicia non haxa moito movemento no que a productoras, discográfias, salas de concertos e demais se refire, o que nos obriga a buscar a vida noutros sitios”.

Pero pode ser que non sexa sempre así. “Parece, di Pope, que isto está empezando a mudar, hai xente que se está arriscando e empezan a saír cousas”. O panorama alternativo galego existe e dará moito que falar.