O Fanzine Fest saca a vangarda electrónica á rúa
decembro 2, 2022
O festival coruñés Fanzine Fest de música electrónica de vangarda, comezará a súa oitava edición o vindeiro luns, 5 de decembro. Ata o sábado 10 de decembro ofrecerá un programa que xuntará o musical co audiovisual reunindo figuras de proxección internacional da escena electrónica. O festival preséntase coma un universo creativo que recolle una mostra do amplo espectro da escena vangardista contemporánea. Con nomes no seu programa como Reka, Ed is Dead, Detroit in Effect, Beyond & Pedro Maia, Truncate, Death Whistle, Lefrenk, Huma, Roi ou Komatssu o Fanzine Fest pretende situar á cidade herculina durante seis xornadas como epicentro do movemento vangardista da música con estilos tan variados e singulares coma o techno, IDM, experimental, acid, electro ou house. En total máis de 40 figuras destacadas da música electrónica e artes visuais, cuxas creacións poderán gozarse nos escenarios situados en Sala O Túnel, Planetario x WE, Domus ou Fundación Luis Seoane, aos que nesta ocasión súmase a Praza de Azcárraga, da Cidade Vella.
O VIII Fanzine Fest combinará sesións de pago e de balde nos diferentes espazos nos que se levará a cabo o programa. No relativo ao audiovisual poderán verse videoclips ou pezas de videoarte de artistas como Adrián Canoura (colaborador habitual de Baiuca), ALARIDO (Andrés Agulla e Joel Blanco), Camille Hédouin (Mounqup), Clara Sobrino & Juliette Lizotte, Cris Lores & Xoán-Xil López, Jesús Andrés Tejada, Judith Adataberna, Marta Verde Baqueiro (artista visual de OMEN e Ai-Lalelo) ou Víctor García (Death Whistle). Ademais Fanzine Fest recupera este 2022 os obradoiros para público infantil e adulto con artistas da escena contemporánea. O xoves 8 de decembro, o festival sairá por primeira vez ás rúas, concretamente á Praza de Azcárraga, que acollerá desde as 12.00 horas e ata as 21.00 horas unha programación de sesións en directo con DJs locais (Annie Hall, Edgar Carl, Elektrógena, Isaac Peces, Liños e Pablo Ruizgalán) e obradoiros de balde para todas as idades. O público infantil poderá participar en tres talleres diferenciados ao longo do día: Instrumentos reciclados (12.00 horas), ¿Que son todas esas máquinas? (16.30 horas) e Faino sonar (17.45 horas), propostas gratuítas que requiren inscrición previa.