Santiago acolle o crisol musical de Maré 22
setembro 19, 2022
Comeza esta semana o festival Maré de músicas e artes atlánticas (antes Cantos na Maré) na súa XVIIIª edición, a terceira en Santiago de Compostela. Do 21 ao 25 de setembro, Maré volverá celebrarse en distintas localizacións da capital galega coma o Teatro Principal, o Auditorio de Galicia, a Sala Capitol, a Praza da Quintana e outros emprazamentos do patrimonio monumental, clubes e o parque de San Domingos de Bonaval, epicentro do festival no que estará situado o escenario Xacobeo. O evento segue a apostar pola creación feminina e da mocidade, a experimentación, as novas linguaxes artísticas e a diversidade cultural poñendo o foco naqueles territorios cos que Galicia comparte lazos lingüísticos, históricos e outros sentimentais das dúas beiras do Atlántico. Ademais dunha ampla representación galega, o cartel inclúe artistas procedentes doutras comunidades do Estado, como Catalunya, Asturias ou Euskadi, e doutros países e territorios como Angola, Brasil, Portugal, o Rajastán na india, os balcáns, Arxentina, Francia, o Sáhara Occidental, Guiné-Bissau ou Escocia. En total, maré 22 sumará máis de 30 actuacións.
A edición 2022 do festival Maré acollerá dúas estreas europeas, a da nova xira de Chico César, que presenta na Sala Capitol o seu décimo disco, 'Vestido de amor', e a da brass band carioca Orquestra Voadora, que converterá as rúas da cidade nunha festa de carnaval. O festival tamén inclúe unha estrea en España, a da mítica banda de música gaélica Capercaillie que traerá a Galicia o único espectáculo que ofreceu coa BBC Scottish Symphinc Orquestra, agora acompañados pola Real Filharmonía de Galicia. Será no espectáculo inaugural no Auditorio de Galicia, baixo a dirección de Paul Daniel e con novas orquestracións que o converten nun concerto único. Ademais no marco do festival Abe Rábade presentará en concerto matinal no teatro principal o seu novo traballo discográfico: "Botánica". Maré 22 quere amosar a forza de voces femininas como a da angolana Pongo, a saharauí Aziza Brahim, a brasileira Dandara Manoela ou a arxentina Sofía Viola. Tamén a das galegas A Pedreira, que pechará o festival co seu primeiro disco en solitario 'Segmento cantábrico', Guadi Galego coa fin de xira de Costuras, e outras artistas emerxentes como Antía Muíño ou Catuxa Salom.
Crisol de xéneros musicais e culturas que comparten, no festival maré 22 sonarán melodías pop, soul, blues, música electrónica, experimental, rap, dub, kuduro, ritmos bulu e bikutsi, gqom, batida, amapiano, afrobeats, semba, kizomba ou folk e outras músicas de raíz escritas y cantadas en diferentes linguas, do galego ao portugués pasando polo rajasthani, o kimbundu, o catalán, éuscaro, escocés, asturiano, inglés, francés, árabe ou español. O domingo 25 o festival Maré volverá celebrar o Día Europeo das Linguas, cunha xornada festiva e música de balde nas rúas de Santiago coa colaboración de Política Lingüística.