Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Publicacións, proxectos sonoros e propostas escénicas celebran a Florencio Delgado
Publicacións, proxectos sonoros e propostas escénicas celebran a Florencio Delgado
maio 12, 2022
Cando se achega o 17 de maio, intensifícanse as iniciativas para celebrar a Florencio Delgado Gurriarán, poeta homenaxeado nesta xeira do Día das Letras. Dentro das máis recentes, a Universidade de Santiago acaba de presentar Florencio Delgado Gurriarán. O soño dunha Galicia infinda, unha obra coordinada por Dolores Vilavedra que recolle seis traballos a facer "un percorrido pola biografía literaria, humana e sociolingüística do autor" e que incrementan as achegas de investigación sobre a súa figura.
Desde a Deputación de Pontevedra, pola súa banda, presentan este 12 de maio Florencio unha banda deseñada que quere achegar a figura ao público máis novo. Realizada pola escola de BD O Garaxe Hermético, Fernando Llor asina un guión que ilustran Zaida Novoa, Pablo Prado, Miriam Iglesias, Damián Gómez, Eli García, Jorge Fernández, Chano Ripio, Iria Aldegunde, Antonio Recuna, Miguel Rojo, Fonso Barreiro e Mara Méndez. O álbum de 48 páxinas conta historia de tres alumnas de secundaria que teñen que facer un traballo sobre Delgado Gurriarán e que "grazas a cambiar o enfoque co que arrincaban descubrirán a historia dun poeta e un loitador antifascista comprometido coa República e co galeguismo".
Ademais destas iniciativas, a Real Academia Galega está a compilar no seu web as propostas editoriais e musicais que celebran o poeta. No campo sonoro destaca lanzamentos como o de Fátima Delgado con Babykatze, a achegar os versos do autor á música electrónica. O espectáculo Bebedeira, de Sheila Patricia ou a versión de Hai sede na nova Galicia, coa que Dioivo leva o homenaxeado ao metal, son algunhas das iniciativas destacadas. A RAG adianta ademais o vindeiro libro disco de Manoele de Felisa, unha escolma de poemas que verá a luz co título A infinda Galicia e da que dará a coñecer os primeiros singles neste mes de maio.
A entidade continúa tamén a publicación dos seus vídeos na rede arredor do autor. Deste xeito, no marco da serie Polos vieiros de Florencio, repasa o traballo do muralista valdeorrés Orde Caos arredor do poeta.
A nivel escénico, este sábado 14 chega á Cidade da Cultura Tras os vieiros de Florencio a aposta escénica coa que Fantoches Baj percorre a vida e os versos do autor a mesturar teatro de obxectos e traballo actoral e a se pór na voz do propio protagonista.
Ligazóns
- Florencio Delgado Gurriarán. O soño dunha Galicia infinda no web da USC
- A BD Florencio en Pontevedra Viva
- Propostas musicais arredor de Florencio Delgado no web da RAG
- Repaso de publicacións sobre Florencio Delgado no web da RAG
- O espectáculo Tras os vieiros de Florencio no web de Urdime
- Webserie Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda no web da RAG
- Os vídeos de Polos vieiros de Florencio no Youtube da RAG