Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Música en Compostela chega á súa edición número corenta e seis convertido nun referente internacional

CORENTA E SEIS ANOS A TOCAR E A APRENDER

Música en Compostela chega á súa edición número corenta e seis convertido nun referente internacional

CLáSICA/LíRICA | agosto 21, 2003

imaxe non dispoñible

Cento dez alumnos de once países diferentes. Todos eles cuns currículos musicais do melloriño andan desde o pasado once de agosto polas rúas de Compostela. Todos eles coa intención de aprender música española. E de amosarnos o que saben. Concertos do máis variado enchen diferentes espacios da cidade e mesmo se desprazan a outras localidades. É a XLVI edición do curso Música en Compostela.

Hai corenta e seis anos xa xurdiu a idea de facer en Compostela un curso no que ensinar música clásica española a intérpretes de todo o mundo. Detrás do proxecto había nomes coma Andrés Segovia, José Miguel Ruíz Morales ou Antonio Iglesias, que dirixe o evento desde 1975. Tratábase de crear un foro de música importante no Estado, nunha época na que as relacións internacionais de España non estaban no seu mellor intre. Segundo Antonio Iglesias a idea orixinal era “dar a coñecer aos bolseiros do curso a música española de todos os tempos, xa que sempre estivo moi maltratada no estranxeiro.” O encontro foi funcionando, e na actualidade Música en Compostela continúa vivo coma un referente internacional na música clásica española, tanto para os estudiosos coma para o público interesado en ver as actuacións que acompañan este evento.

Calidade
A alta calidade das clases foi atraendo ano a ano a máis alumnos, moitos dos cales rematarían converténdose en destacadas figuras da música clásica internacional. Profesores de primeira liña achegaron no Hostal dos Reis Católicos de Compostela os seus coñecementos en diversas áreas. Montserrat Caballé, Montsalvatge, Rodrigo, Esplá, Mompou, Cassadó ou Bernaola son algúns dos nomes que desfilaron por este evento ao longo da historia. Antonio Iglesias sinala que os ensinantes sempre foron “de primeira liña” e destaca que “en España temos grandes figuras da interpretación ou da historia da música que queren colaborar connosco”.

Concertos e homenaxes
O proxecto foi medrando e de xeito paralelo ao curso xurdiu a organización de concertos na cidade, uns recitais que rematarían por estenderse a outras localidades galegas. Como exemplo desta última edición temos a homenaxe a Antón García Abril, un dos máis destacados representantes da música contemporánea española, que cumpría o pasado mes de maio setenta anos. Este recoñecemento tomou a forma dun recital do pianista Leonel Morais, que interpretou boa parte das obras deste autor. Ademais deste concerto, a Filharmónica de Galicia oferta este ano dúas actuacións (unha delas de novo dedicada a García Abril), mentres ata o Pazo de Mariñán (Bergondo) se achegan tres concertos máis. Ao longo do mes tamén Caldas e Pontevedra acollerán varios recitais, seguindo coa intención do curso de espallar a música por todo o país.

Cadernos, obras, cuarteto e coral
Ademais dos concertos que asolagan Compostela estes días, o curso acolleu tamén a presentación do seu XIII caderno, que inclúe obras de Juan Crisóstomo Arriaga, Eduardo Rodríguez Losada e Zulema de la Cruz. Dentro do encontro tamén houbo espacio, como cada ano, para a estrea dunha obra composta por encarga para a ocasión. Desta volta foi Zulema de la Cruz quen realizou “Danzas galegas” para viola sola, unha obra que foi estreada o pasado martes con grande éxito de público. Outro dos productos que xurdiu ao longo do tempo do festival foi o grupo coral Filgueira Valverde. Esta formación está dirixida por Carmen Ruíz Simó e intégrana quince persoas de diferentes lugares do Estado, coa peculiaridade de que todos eles foron alumnos nalgún intre do curso. Tamén existe un cuarteto Música en Compostela, que cada ano participa nos diferentes concertos que acompañan o evento.

Apoios
No acto inaugural desta XLVI edición, o presidente da Xunta, Manuel Fraga, lembrou que o curso achégase ás súas vodas de ouro, e asegurou o apoio do Goberno Galego para que se efeméride se celebre “da maneira máis digna e solemne posible”. A Xunta apoia desde hai anos, a través da Consellería de Cultura, a realización destes cursos, que contan tamén co patrocinio do Ministerio de Educación, o Consorcio de Santiago, as Deputacións de A Coruña e Pontevedra, o Concello e a Universidade de Santiago e as fundacións Barrié e Hazen entre outras entidades.