Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Compostela acolle o seu primeiro festival de Jazz na Praza da Quintana
Compostela acolle o seu primeiro festival de Jazz na Praza da Quintana
agosto 13, 2003
Rock, música clásica, folclore das máis diversas rexións do mundo, pop... A oferta musical que se pode atopar calquera verán en Compostela adoita ser variada. Sen embargo, sempre quedan ocos por encher, e é con esta vocación coa que nace este ano o I Festival de Jazz de Compostela, que fará resoar as pedras da Quíntana con novos sons.
Os grandes concertos dos anos xacobeos, o Compostela Millenium Festival coa súas selección de músicas do mundo, o Santirock... Santiago de Compostela leva anos buscando crearse unha identidade musical para o verán. Logo da desaparición de varias destas citas, o Concello procura alternativas sonoras coas que converter a capital galega nun centro musical. A máis recente destas tentativas, o Compostela Jazz Festival. A capital quere seguir así o ronsel de cidades coma A Coruña, que conta cun destacado ciclo organizado pola Fundación Barrié, ou Pontevedra, que inclúe desde hai xa dez anos unhas multitudinarias sesións de jazz ao aire libre dentro da súa programación festiva de agosto.
Comezos difíciles
A precariedade e a présa marcaron en boa medida a organización deste primeiro encontro para os afeccionados ao jazz. De feito foi a finais do mes de xullo cando se comezou a falar do evento, e a propia concelleira de Cultura, Mercedes Rosón, recoñeceu á prensa que “a pesar de que o festival se programou con moi pouca antelación, tentouse contratar a artistas da maior relevancia posible”. O apoio da Fundación Caixa Galicia, que achega trinta mil euros cos que se cubre o salario dos artistas, foi fundamental para que o proxecto chegase a bo porto, xa que deste xeito o Concello só debe achegar nove mil euros á organización do evento, destinados integramente a cubrir os gastos de producción.
O programa
A proposta deste primeiro ano redúcese a tres concertos, e desde o concello anuncian que estes “constituirán como unha pincelada do que será o ano vindeiro o festival”. A intención final, segundo sinalou Mercedes Rosón na presentación do evento é que este se converta “nun futuro gran festival de Jazz, con intención de chegar a ser un referente” en todo o noroeste estatal. Por este ano a Quintana vibrará os días catorce, quince e dezaseis cos sons de The New Orleans Blue Stompers con Lesli Bee, a Kathy Autrey Band e Benny con Russell Malone respectivamente.
A músicas
Os participantes neste primeiro Compostela Jazz Festival son maioritariamente artistas recentemente consagrados. No caso de The New Orleans Blue Stompers trátase dunha banda que se presentou no mítico Festival de San Sebastián no ano 2000 e que tirou no seguinte ano o seu primeiro disco, dedicado á música de Louis Armstrong. Onda eles actuará a cantante Leslie Bee, que tamén cun só disco no mercado, está a causar sensación na súa xira europea. O grupo fará despois do concerto unha jam session no pub Dado Dadá, un dos centros do jazz en Galicia. A segunda noite será para Kathy Autrey, unha destacada voz que ten colaborado con artistas coma B.B. King ou Lionel Ritchie. Pola súa banda, o dúo formado por Russell Malone e Benny Green presentouse por primeira vez na edición 2001 do Festival do Mar do Norte en Holanda. A pesar da súa mocidade como grupo xa teñen colaborado con persoeiros da altura de Diana Krall, Wynton Marsalis ou Harry Connick Jr.
O éxito e o futuro
A gratuidade dos concertos, así coma o recinto escollido, unido á calidade do programa auguran un grande éxito para este primeiro encontro. A celebración no 2004 dun novo Xacobeo semella asegurar cando menos outra edición do Compostela Jazz Festival. Pero o camiño a percorrer ata chegar a ser un referente nun mundo tan especializado e cunha competencia tan importante como é o dos festivais de jazz é longo e complicado. ¿Soará a trompeta en Compostela?
Tamén che pode interesar:
- 21/ 6/ 2016 | O Día Europeo da Música dá a saída ao II Festival Martín Códax
- 14/ 7/ 2014 | O Festival de Jazz de Pontevedra cumpre 22 anos
- 21/ 2/ 2014 | O VII Ciclo 1906 Jazz trae 23 concertos a Galicia
- 31/ 10/ 2012 | Ribadeo acolle o seu primeiro festival de jazz
- 11/ 7/ 2003 | Dianne Rivees é o principal reclamo do XI Festival de Jazz de Pontevedra