Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Triángulo de Amor Bizarro encabeza a presenza galega nos Premios MIN
Triángulo de Amor Bizarro encabeza a presenza galega nos Premios MIN
maio 26, 2021
Os Premios MIN 2021, principais galardóns da música independente a nivel estatal, daban a coñecer na mañá deste 26 de maio os nomes das propostas que competirán na final das vinte categorías en que se organizan. Da escena sonora galega destacan entre os finalistas as catro candidaturas que acumula Triángulo de Amor Bizarro. O grupo de Boiro opta a se facer cos recoñecementos a Mellor Artista do ano, así como aos de Mellor Produción, Álbum do ano e Mellor Álbum de Rock polo seu oɹɹɐzıqɹoɯɐǝpolnƃuɐıɹʇ.
Canda a eles, destacan as dúas candidaturas que conseguen Boyanka Kostova, que aspiran a se facer aos recoñecementos á Mellor Grabación de Músicas Urbanas e a Mellor álbum en galego con Os dous de sempre. Nesta última categoría, o dúo compite con Guadi Galego, por Costuras, Moura, co seu disco homónimo, Néboa con A realidade enganosa e o Latexo de Xosé Luís Romero e Aliboria.
A estes súmase a viguesa Dani, candidata ao Mellor Álbum de Pop co seu Veinte, Baiuca, que pode levar o recoñecemento á Mellor Gravación de Electrónica polo seu traballo en Paisaxes e mais Lucía Martínez and the Fearless, que aspiran co seu traballo homónimo ao Premio AIE ao Mellor Álbum de Jazz.
A Unión Fonográfica Independiente (UFi), organizadora dos premios, entregará estes galardóns, escolleitos por un xurado profesional logo dunha fase de votacións populares, o vindeiro 16 de xuño nunha gala que se desenvolverá en Burgos presentada por Rodrigo Cuevas.
Tamén che pode interesar:
- 3/ 2/ 2021 | 15 grupos e artistas da escena independente reinventan o último disco de TAB
- 19/ 1/ 2021 | Triángulo de Amor Bizarro obtén o seu segundo Premio Ruído
- 23/ 3/ 2020 | Triángulo de Amor Bizarro dánlle unha volta ao seu son para ser eles mesmos
- 24/ 4/ 2017 | Triángulo de Amor Bizarro saca un EP para coleccionistas
- 18/ 1/ 2017 | 'Salve discordia' suma e segue como Disco do 2016 de Disco Grande