Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A editorial de música Arte Tripharia traballa desde hai 20 anos na elaboración dun Corpus de música culta galega
A editorial de música Arte Tripharia traballa desde hai 20 anos na elaboración dun Corpus de música culta galega
xullo 28, 2003
O termo “tripharia” refírese á división dos instrumentos de música. E non aos instrumentos pero si ás composicións dedícase “Arte Tripharia”, unha editorial de música antiga que fundou hai máis de vinte anos o tudense afincado en Madrid Rudesindo Soutelo. Entre todas as frontes en que ten traballado destaca a serie Corpus Musicum Gallaeciae, que é un traballo de recuperación da música culta galega.
En 1980 o compositor tudense Rudesindo Soutelo decidiu crear unha editora de facsímiles de música antiga que bautizaría co nome de Arte Tripharia. Nacía así unha editorial que se encargaría de recoller partituras, revisalas e difundilas en forma de facsímiles para que os músicos as tocasen. Aínda que empezou dedicándose á música antiga, logo de varios intentos de publicar música contemporánea, conseguiu facer viable o proxecto, centrándose nos compositores vivos.
Unha editora con tres series
23 anos despois do seu nacemento, Arte Tripharia conta cunha carteira de clientes en todo o mundo, cun espacio consolidado dentro do panorama de editoras facsimilares de música culta e cunha imaxe de prestixio que se centra en criterios editoriais e de seleccións das composicións. Para Rudesindo Soutelo, creador e director da iniciativa, “o que diferencia a AT doutras edicións son por unha banda criterios editoriais puramente técnicos que actúan máis ben como unha guía de estilo: unha maquetación, unha tipografía, unha maneira de distribuír as partituras nas páxinas, una forma de presentación... E nos criterios de selección, aos que lle aplico o meu criterio como compositor”.
E eses son os criterios que se empregan nas tres series que agora mesmo ten a editorial. Por unha banda, explica Rudesindo “está o Corpus Musicum Gallaeciae que son compositores galego-portugueses que ten que ver coa lingua galega internacional, que, para nós chega ata Timor Leste”. É a serie fundamental sobre a que traballa a editorial, que se centra nun traballo de recuperación, investigación e divulgación dos compositores galegos e dos que hai xa publicados preto dunhas 100 obras.
“Logo temos outra colección que é a Serie Preliminar, un saco en que se mete todo, onde van os que non teñen unha serie específica”. E, por último, Música facsímil que foi a que iniciou a editorial e que segue existindo. “Pero o mundo dos facsímiles de música antiga é bastante pequeno, aclara Rudesindo, e aínda que vendemos en todo o mundo, todo isto non dá para esgotar unha tirada de 5000 exemplares”.
Para quen vende
O seu mercado son profesionais que mercan a través das librerías ou das casas de música ou directamente. Porque o que Arte Tripharia fai son partituras para poñer no atril e tocar e, como o propio Rudesindo recoñece, “partituras que para un señor da rúa que non saben ler música non lle serve para nada”.
“O noso mercado está máis ben fóra de España, aquí aínda que os conservatorios deron un pulo moi importante, o mercado é moi pequeno. Hai un gran número de estudiantes pero aínda non hai moitos consumidores de música e faltan moitos anos para que se convertan en consumidores”.
E máis aínda se falamos do caso de Galicia. “Xa non só porque nos conservatorios de Galicia non se tocan músicos galegos, afirma Rudesindo, senón tamén porque a música galega que nós publicamos en Galicia non se toca porque ninguén se ocupa dela, e si o fan os intérpretes do mundo adiante porque a música ten calidade”.
Financiando a música
“O CMG é a música culta histórica máis o de agora, por iso isto deberíao facer unha institución porque os cartos privados teñen límites”. E como existen eses límites Rudesindo marca como tope 50 obras ao ano que teñen un custo anual de entre 150.000 e 180.304 euros. Pero Arte Tripharia ten unha achega anual que, aínda que non chega ao 5% do seu custo, é moi significativa. Son os dereitos do himno galego que, desde hai catro anos son da editorial.
“Desde o ano 1926 ata hai 3 ou 4 anos, os dereitos do himno galego ían parar a unha editorial que rexistrara, aproveitando que Veiga non fora nin socio da SGAE e os herdeiros non se preocuparon, o himno galego”. Así comezou o traballo de pescuda de Rudesindo Soutelo. A editorial rexistrara a nome de J. A. Veiga (Jose Adolfo Veiga Paradís) o himno galego. Pero sucedeu que a Xunta lle encargou a Rogelio Groba as versións oficiais publicadas nos anexos da lei de símbolos que Rudesindo Soutelo ten publicadas e contratadas. Cando foi á SGAE para rexistralas atopouse con que non podía facelo porque xa o estaban. “J. A. Veiga Paradís figura na enciclopedia galega, como nado en Tui e fillo do propio Veiga” asegura Rudesindo que comprobou como no rexistro do Tui non aparece ningún Veiga nesa época.
Rudesindo Soutelo mesmo chegou a ir de incógnito á editora que tiña rexistrado o himno onde non obtivo a penas información. E “localicei a quen escribiu esa voz na Enciclopedia galega e díxome que os datos os achegara a editorial pero que non os chegara a comprobar”. E así ata que puido demostralo e pasou a cobrar os dereitos do himno galego. “Pero non son para tanto, xa que dá ao ano 3000 euros, que poden chegar ata os 6000, porque aínda que se toque moito logo a xente non o declara” laméntase Rudesindo Soutelo.
Con esta historia, que parece sacada dun guión de ficción, finánciase o Corpus Musicum Gallaeciae, unha das tres series que ten en marcha Arte Tripharia coa que fai un traballo de investigación para dar a coñecer a música culta galega.
Tamén che pode interesar:
- 18/ 8/ 2014 | A Filarmónica de Vigo celebrará o seu centenario con Marcial del Adalid
- 7/ 4/ 2006 | Mozart é o protagonista do programa da Semana do Corpus de Lugo
- 11/ 7/ 2005 | As principais orquestras galegas dedican a maior parte da súa programación a compositores estranxeiros
- 1/ 10/ 2003 | A editorial privada Arte Tripharia e o IGAEM realizan sendos Corpus da música culta galega