Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Real Filharmonía estrea unha obra da compositora galega Sofía Oriana Infante
A Real Filharmonía estrea unha obra da compositora galega Sofía Oriana Infante
xaneiro 14, 2021
O concerto semanal de abono que celebra este 14 de xaneiro a Real Filharmonía de Galicia inclúe no seu programa a estrea dunha obra de autoría galega. Gratulantes é o título da obra que a compositora Sofía Oriana Infante (Santiago, 1989) escribiu por encargo da formación, na liña de apoio a novas voces neste campo que mantén a Filharmonía. A obra cunha duración aproximada de dez minutos, está inspirada na celebración do Ano Xacobeo. Segundo a compositora "escollín unha peza do Códice Calixtino, Gratulantes celebremus festum, sobre a que traballei. A composición desenvólvese mediante unha estrutura reiterante, similar a un rondó, nun único movemento". No traballo "a forza enérxica das cordas achega texturas densas e agres, que contrastan co carácter alegre e festivo dos ventos. O oínte poderá percibir influencias compositivas moi distintas fiadas de forma coherente e sempre con referencias simbólicas persoais ocultas como adoito facer en todas as miñas obras". Sofía Oriana Infante é autora da banda sonora de diversas películas, entre elas Elisa y Marcela de Isabel Coixet.
O concerto, que comeza ás 20:30 horas, poderá seguirse a partir das 20:45 por streaming no Facebook e no Youtube da Real Filharmonía. O recital comezará coa estrea en España de Dark, with excessive bright da estadounidense Missy Mazzoli e finalizará coa Sinfonía nº 8 de Antonín Dvorák (1841-1904).
Tamén che pode interesar:
- 8/ 10/ 2020 | A Real Filharmonía de Galicia comeza a temporada cunha estrea mundial
- 2/ 7/ 2015 | Inícianse as tempadas de música clásica
- 5/ 11/ 2014 | A Filharmonia de Galicia estrea Mar ao norde
- 8/ 9/ 2006 | A Real Filharmonía ofrecerá unha versión de “Negra sombra” en cinco concertos en Brasil e Arxentina
- 3/ 2/ 2006 | A Real Filharmonía e a Radio Galega asinan un convenio para emitir concertos