Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O circuíto Directos Xacobeo21 calcula impulsar ata 160 concertos en salas entre xullo e outubro

OS EVENTOS SERáN GRAVADOS PARA A SúA RETRANSMISIóN EN LIñA A TRAVéS DE PLATAFORMAS AUDIOVISUAIS

O circuíto Directos Xacobeo21 calcula impulsar ata 160 concertos en salas entre xullo e outubro

MISCELáNEA | xuño 17, 2020

imaxe non dispoñible

Co obxectivo de contribuír á recuperación da actividade das salas privadas de concertos e dos profesionais galegos da música ao vivo no contexto poscovid-19 nace o programa Directos Xacobeo'21 en Salas, que a Xunta de Galicia pon en marcha xunto á Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico. A Consellería de Cultura e Turismo financia integramente este ciclo, para o que conta cun orzamento de 400.000 euros a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Directos Xacobeo'21 en Salas desenvolverá entre os meses de xullo e outubro unha programación de ata 160 concertos protagonizada exclusivamente por solistas e grupos galegos de todos os estilos nun máximo de 40 salas das catro provincias, integrantes ou non da devandita asociación. Serán os propios responsables das salas os encargados de configurar os seus respectivos carteis a partir de todos os solistas ou bandas inscritas, tendo en conta ademais que cada proposta artística poderá contar cun máximo de dous concertos programados. Tanto a capacidade como as condicións hixiénico-sanitarias de cada un dos eventos atenderá ao que, en cada momento, ditaminen as autoridades competentes para a celebración de espectáculos públicos. Ademais, todos eles serán gravados e editados para a súa retransmisión en liña a través de diferentes plataformas audiovisuais.

Tres convocatorias abertas
Clubtura encárgase da xestión do circuíto, para o que mantén abertas ata o 19 de xuño as convocatorias dirixidas aos locais de música ao vivo interesados en participar e para o servizo de gravación e edición dos concertos. Pola súa banda, os solistas e grupos de música galegos poderán achegar as súas propostas ata o día 22 deste mesmo mes. O programa contempla remuneracións mínimas para os cachés que van desde os 175 euros, IVE inclúido, para un solista ata os 150 euros por músico no caso de bandas de máis de 6 persoas. Tamén hai un tope de ata 2.500 euros para un concerto.

Poderán inscribirse todas as salas de concertos profesionais de Galicia que acrediten ter programado en 2019 un mínimo de 25 concertos con entrada de pago. No caso de presentarse máis de 40 candidatas, a selección das participantes realizarase seguindo un baremo de criterios obxectivos como o número de actuacións ofrecidas o ano pasado, os anos de traxectoria, a súa capacidade e a pertenza a unha asociación profesional. A convocatoria garante, así mesmo, que Directos Xacobeo'21 en Salas financiará entre tres e catro concertos en cada un dos locais adheridos, de xeito que se prevé a celebración de entre 120 e 160 actuacións musicais no marco deste circuíto.

Ligazóns