Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Orquestra Sinfónica de Galicia leva a súa programación a Youtube
A Orquestra Sinfónica de Galicia leva a súa programación a Youtube
maio 27, 2020
A adaptar a súa actividade aos requirimentos do actual estado de alarma, a Orquestra Sinfónica de Galicia acaba de anunciar que desenvolverá a porta fechada as súas vindeiras actuacións. O Teatro Colón acollerá entre o 3 e o 19 de xuño un total de nove recitais de cámara que se poderán seguir a través da canle de Youtube desta formación ás vinte horas. O dúo formado por Celine Landelle (arpa) e Claudia Walker (frauta) abrirán este programa o vindeiro 3 de xuño. A elas seguiranlles Ruslana Prokopenko (violonchelo), Florian Vlashi (violín), Raymond Arteaga (viola) e Steve Harriswangler (fagot) o día 4, mentres o 5 será a quenda do concertino da formación, Massimo Spadaño, acompañado de Luigi Mazzucato (viola) e María José Ortuño (frauta). A programación continuará ao ritmo de tres concertos semanais, segundo adianta a OSG.
En paralelo, a formación acaba de pór en marcha a contorna de traballo virtual Eu Son Futuro. Este espazo está orientado a facilitar o traballo das noventa persoas que fan parte da Orquestra Infantil. Baixo a dirección Dima Slobodeniouk e coa participación de 18 docentes da entidade, desenvolveranse a distancia as clases e os ensaios para preparar o concerto do décimo aniversario da formación.
Tamén che pode interesar:
- 13/ 9/ 2019 | A Orquesta Clásica de Vigo busca novos compositores co certame CreaClásica
- 15/ 6/ 2018 | A Sinfónica de Galicia aposta por Shostakóvich para a súa nova temporada
- 24/ 5/ 2018 | A Orquestra Sinfónica de Galicia entra no catálogo de BIS Records
- 11/ 1/ 2016 | A Orquestra Sinfónica suspende a venda de abonos da Temporada Lírica
- 15/ 5/ 2015 | A Sinfónica de Galicia destaca a Mahler e Strauss na súa nova temporada