Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Profesionais da cultura desenvolven nas redes a campaña #NonNosCanceles
Profesionais da cultura desenvolven nas redes a campaña #NonNosCanceles
abril 6, 2020
Ao longo dos últimos días, mais en particular na mañá deste seis de abril, as redes sociais galegas están a se inzar de publicacións co cancelo común #NonNosCanceles. Profesionais dos máis diversos ámbitos culturais, a incluír proxectos musicais, escénicos, audiovisuais, técnico de diferentes áreas, responsables de programación ou promoción reivindícanse a sinalar "eu tamén son traballador@ da cultura". Nas mesmas, chámase con esa etiqueta a manter contratacións e a que a amortecer o impacto do sector na actual crise sanitaria, trasladando as datas das programacións previstas neste período no canto de as cancelar.
Moitas das publicacións recollen tamén un texto co título "O noso futuro non pode ser cancelado" no que se sinala que "a cultura, no seu sentido máis amplo, tece as nosas vidas, as nosas emocións, a nosa identidade, o noso futuro. Todas as artes están agora mesmo sufrindo na súa pel a cancelación de toda actividade. O sector cultural galego reclama o coidado, o acompañamento e comprensión do público que o aplaude e das administracións que deben servir para axudar a que soportemos un golpe desta magnitude. Milleiros de artistas en xeral, promotores, produtoras, axencias de representación, persoal técnico de son, luces e montaxe, cámaras, seguridade....e un longo etc. de profesións que sufrimos un paro indefinido e sen apenas soporte corto-medio prazo. Fanse urxentes as medidas de compensación para un sector sen ningunha garantía nin axuda específica. Fomos os primeiros en saír da escena e non queremos ser os últimos en entrar, o noso futuro non pode ser cancelado".
Artistas, locais, eventos, empresas e profesionais culturais de diferentes ámbitos como De Vacas, A Banda da Loba, MJ Pérez, Viravolta Títeres, Larraitz Urruzola, A Arca da Noe, A Panadaría Teatro, María Lado, Urdime, o FIC Bueu, Pakolas, Mon Vilar, Festicultores, Xistra de Coruxo, María Costas, Píscore, O Cable Inglés, Nös Cinema, 7h Cooperativa Cultural, Chévere, Carlos Ares, Silvia Penide, Santi Romay, Illa Bufarda, Títeres Alakrán, César Goldi ou Marcos Nine entre moitos outros amosaron xa o seu apoio a esta reclamación.