Ti estás aquí > Inicio / / Catro festivais galegos entre os mellores da península nos Iberian Festival Awards
Catro festivais galegos entre os mellores da península nos Iberian Festival Awards
marzo 14, 2019
O 13 de marzo quedará marcado no calendario para os organizadores de festivais de Galicia por varios motivos. Os premios Iberian festival Awards, que recoñecen as excelencias nos festivais que teñen lugar en España e Portugal, entregáronse onte á noite en Vigo nunha gala da súa cuarta edición durante a que actuaron artistas portugueses e as bandas galegas Vudú, Kings of The beach e Disco Las Palmeras!. Un xurado de profesionais elixiu entre os finalistas de cada categoría outrogando en cada caso dous premios, un absoluto e outro nacional en función do país contrario ao que fora parar o premio absoluto. Cinco das categorías outorgaron galardóns a catro festivais galegos. A primeira edición de O Son do Camiño saíu da gala con dous premios absolutos baixo o brazo ao gañar o de Mellor Novo Festival e o de Mellor Actuación Internacional, polo concerto do americano Lenny Kravitz no Monte do Gozo. O Resurrection Fest acadou o premio que recoñece a mellor conxunción de artistas nun mesmo cartel (Best Line-up) para a súa pasada edición na que máis de cen nomes conformaban a oferta do festival de Viveiro. A edición de 2018 do festival Sinsal Son Estrella Galicia da Illa de San Simón acadou o premio nacional ao Mellor Festival pequeno de España e o WOS Festival de Santiago de Compostela tamén tivo o recoñecemento por facer a Mellor Promoción Turística a nivel estatal.
A Asociación Festivais de Galicia, da que non forman parte as empresas organizadoras do festival Resurrection fest nin O Son do Camiño pero si de outros oito importantes eventos. presentaba no mesmo día e na mesma cidade, Vigo, o Manual de Xestión para Empresas de Produción de Festivais de Música. Festivais de Calidade, Seguros e Sustentables, unha iniciativa "pioneira en España" desta asociación, segundo eles comunicaron. O proxecto, auspiciado polo financiamento da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), pretende establecer o primeiro protocolo ou manual unificado de procesos estandarizados de produción de espectáculos públicos, para establecer as medidas de calidade, seguridade e sustentabilidade que hai que cumprir para a súa realización. Deste xeito, abórdase por primeira vez en España, a estandarización completa dos procesos de produción de festivais culturais, máis concretamente dos festivais de música. A `publicación estará proximamente dispoñible no web da asociación.