A obra 'La Tribuna' de Pardo Bazán convértese en ópera
xaneiro 12, 2018
A antiga Fábrica de Tabacos, convertida na nova sede da Audiencia Provincial da Coruña, acolleu onte a presentación do libreto La Tribuna, adaptación operística do compositor Gabriel Bussi e o escritor Javier Ozores da novela homónima de Emilia Pardo Bazán publicada en 1883, cuxo escenario protagonista é precisamente este espazo no que traballaron desde o século XIX milleiros de cigarreiras como Amparo, a protagonista desta ficción literaria. O libreto converte en ópera a coñecida obra de Emilia Pardo Bazán, a primeira interpretación literaria do mundo laboral, e feminino, en España. A historia ten como protagonistas as cigarreiras da Fábrica de Tabacos da Coruña, a Marineda de Pardo Bazán, que foron parte da elite do proletariado fabril galego. No acto, coorganizado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Real Academia Galega / Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, o público puido escoitar dúas pasaxes da ópera na voz da soprano Teresa Nóvoa, acompañada no piano por Haruna Takebe.