Chega a Compostela o WOS Festival máis experimental
setembro 5, 2017
Este seis de setembro abre as súas portas en Compostela o cuarto WOS Festival, nunha xeira na que a organización incide en propostas máis experimentais. A produtora Work On Sunday amplía o programa e achega un cartaz no que destacan os nomes de BFlecha, Greg Fox, Nite Jewel, Schwarz, Sensible Soccers, STA, The KVB e Western Skies Motel. Canda a eles, o proxecto enche doce espazos da cidade ata o día 10, a incluír tres estreas galegas, catro estatais e nove presentacións de discos entre os seus contidos.
Para alén das actuacións musicais, o WOS afonda tamén noutras áreas do seu programa como son os encontros, con nomes como Robert Henke, Nite Jewel ou Oren Ambarchi, as sesións de clubbing, as seis performances ou as proxeccións que se desenvolverán na sala NUMAX. O programa inclúe tanto sesións de pago como de balde, e en canto a espazos incorpora nesta xeira a terraza do Centro Galego de Arte Contemporánea e mais a Sala Montiel á lista de actividades.
Na presentación do festival, que se realizou onte en Compostela, o alcalde Martiño Noriega lembrou que a asistencia á anterior edición roldou as 4.700 persoas, da que unha ampla maioría, un 70% segundo o director da Agadic, Jacobo Sutil, viñeron de fóra da capital.