Preséntase o cartel da Festa Cidade Europea do Viño en Cambados
agosto 7, 2017
A celebrarse o vindeiro 9 de setembro, a Festa Cidade Europea do Viño en Cambados será a derradeira cita do circuíto de festivais Rías Baixas Fests. Dos 8+1 eventos que se engloban nesta etiqueta amparada pola deputación Provincial de Pontevedra este é o “+1” co que se pechará un axitado verán de citas musicais. A formación vasca Belako encabeza un cartel heteroxéneo en estilos no que tamén están os cambadenses Familia Caamagno, ademais deles tamén estarán: Presumido, Ghesgha, Disco las palmeras!, Capsula, Brían Cross, Emilio José, Oh Ayatollah, Kings Of The Beach, Niña Coyote eta Chico Tornado. Todos conforman un avultado cartel para esa xornada que xa se ven de presentar completo esta fin de semana no Concello de Cambados coincidindo coa festa do viño Albariño. A Festa Cidade Europea do Viño celebra a recente consecución desa "capitalidade enolóxica" para o vixente ano pero ademais ten vocación de manterse como cita fixa anual no calendario. As once bandas ou artistas actuarán no Parque do Torrado da vila, cun programa que comezará a mediodía e se prolongará ata a madrugada. O evento terá un prezo de entrada de 10 euros a anticipada e 15 no mesmo recinto. Os menores de 16 anos poderán acceder de balde acompañados dun dos seus país ou dun adulto ao cargo.