Quempallou e Camarada Nimoy disólvense
outubro 25, 2016
Musicalmente non teñen moito que ver, pero acordaron desaparecer case ao mesmo tempo. Esta mesma mañá o veterano grupo folk Quempallou anunciaba a súa disolución, mentres o pasado 18 de outubro era o cuarteto vigués de surf psicodélico instrumental Camarada Nimoy quen facía o mesmo, nos dous casos mediante comunicados nos seus muros de Facebook. Quempallou apunta que "logo de dezaoito veráns cheíños de concertos, de catro traballos orixinais e algúns outros extras, aproveitamos o remate desta campaña 2016 para dar por finalizada a nosa actividade. Marchamos ben contentos co traballo feito e compartido con tanta e tanta xente ao longo de tanto tempo".
No caso de Camarada Nimoy a marcha prodúcese logo de dous discos autoeditados e unha grande acollida de público e crítica nun momento no que "despois deste tempo quedaba meterse a por outro disco e sair novamente a defendelo, pero moitas cousas internas e externas dificultan este proxecto que nunca tivo axudas de ninguén para seguir funcionando deste xeito". O grupo anuncia un concerto de despedida que se celebrará o vindeiro 4 de novembro na Sala Iguana de Vigo nun recital no que contarán coa colaboración de Zan Hoffman.