A CRTVG renova a súa aposta pola música
febreiro 16, 2016
Dous novos proxectos amosan o anovado interese da CRTVG pola nosa música. Por unha banda, este 14 de febreiro abría a súas portas o web de Alalá. Esta nova canle permite acceder a todos os contidos deste programa televisivo centrado na música tradicional, ademais de achegar material inédito. O proxecto irá incorporando aos poucos contidos transmedia aos diferentes programas emitidos, e elaborará con este material un mapa das músicas de Galicia, ademais de achegar pezas completas, fotos ou notas dos diferentes programas.
En paralelo, o Clúster Audiovisual de Galicia anunciaba onte a estrea na TVG, mañá mércores 17 de febreiro de Musigalité. Esta é unha proposta multimedia que inclúe un programa de televisión, un radiofónico e un web específico. Do mesmo xeito que na canle de Alalá, empregaranse contidos transmedia para amosar o traballo de diferentes bandas da nosa escena alterantiva. Moon Cresta, Maryland, Victor Coyote, lván Ferreiro, Carlos Jean, Triángulo de Amor Bizarro, Miguel Costas ou The Soul Jacket pasarán por este espazo a explicar a súa música e as súas raíces, ademais de achegar actuacións ao vivo.