Novos espazos culturais abren este outono
outubro 7, 2015
O outono está a achegar novos espazos culturais á nosa xeografía. En Compostela ten previsto para este mes de outubro a súa apertura a Sala Malatesta, proxecto que recupera a antiga NASA. Os promotores do proxecto queren xerar un espazo multidisciplinar que prestará especial atención á creación galega e na que a música terá unha pegada importante. Un concerto dos italianos Banda Bassotti o vindeiro 29 de outubro adiántase como proposta inaugural. En paralelo, na mesma cidade abría as súas portas o pasado mes de setembro Olalab, un espazo centrado na arte contemporánea nas súas diversas manifestacións. Creacións plásticas, escénicas e musicais mestúranse con actividades que pretenden "xerar un clima de diálogo de análise a través da actividade de distintos creadores e grupos de traballo". Entre as vindeiras actividades anuncian un programa de visibilidade do comisariado e un encontro de formación centrado na xestión cultural.
Canda a eles, na Coruña reabre o que foi o proxecto Casa Tomada. Co nome Nave 1839, o antigo almacén da estación de Renfe da Cidade Herculina volta a coller programación cultural baixo unha nova xestión. A manter o seu espírito sen ánimo de lucro e coa intención de xerar unha programación que vaia alén da música, este centro social autoxestionado pretende "fortalecer o tecido social do territorio no que se integra". Como presentación desta nova etapa, anúncianse tres sesións de música ao vivo. O sábado 17 visitarán o espazo Bala e Thee Blind Crows, mentres o venres 23 actuarán Jay e Sra Sr Sra e o día 24 será a quenda de Igmig e Ocre.