O Festival da Poesía do Condado volta centrado nos migrantes
agosto 31, 2015
Días de poesía na cultura do país. Por unha banda, está todo preparado para celebrar, os vindeiros 4 e 5 de setembro a vixésimo novena edición do Festival de Poesía do Condado. Cos migrantes como eixe, o evento reúne en Salvaterra, como é habitual, o máis granado das letras do país cunha selección de música e audiovisual. Nomes como Alba Cid, Isabel Blanco-Rivas, Augusto Fontam, Alexandre Ínsua, Lara Rozados ou Rosalía Morlán compartirán escenario con grupos como Caxade, Festicultores ou Ataque Escampe.
Pola súa banda, o concello de Vilalba fixo público o fallo do seu XLI Certame Literario. O arteixán Modesto Fraga impúxose na modalidade de poesía e levou os 3.000 euros de premio polo seu poemario Adagio por outono. Paulino Pereiro acadou o segundo posto do certame, e a súa obra Poemas de ruxido e barruzo outorgoulle os 1.000 euros deste premio.