Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Manobras orquestrais na tradición

A PRESENTACIóN DA ORQUESTRA DE MúSICA TRADICIONAL GALEGA AMOSA O INTERESE POR ESTE TIPO DE FORMACIóNS

Manobras orquestrais na tradición

FOLK | maio 26, 2014

imaxe non dispoñible

O pasado sábado presentábase na Coruñaa Orquestra de Música Tradicional Galega. A seguir o exemplo da xa veterana Orquestra Sondeseu, desde Vigo, son varias as iniciativas, tanto en Galicia como fóra, que apostan por este tipo de formacións para traballar os sons tradicionais. Un xeito diferente de experimentar e de crear puntos de encontro para os intérpretes.

En 2001 nacía en Vigo a Orquestra Sondeseu. Unha proposta pioneira que buscaba novas vías para a música tradicional e que serviu de exemplo para outras propostas semellantes tanto en Galicia como fóra do noso país. "Foi a primeira de Galicia e tivo tamén un papel fundacional en Europa", lembra Xaquín Xesteira, presidente da Fundación Sondeseu. A influencia da orquestra alén das nosas fronteiras deixouse sentir de xeito especial co proxecto europeo da Rede Europea de Orquestra Folk, liderado desde a Cidade Olívica. Esta iniciativa xa rematada puxo en contacto disintas propostas na mesma liña de experimentación sonora a partir da tradición, con representantes de Bretaña, Bélgica, Finlandia, Escocia, Italia e Francia. "A prestixiosa Academia Sibelius de Holanda, que traballa tanto música clásica como tradicional, artellou unha orquestra a imaxe e semellanza de Sondeseu a partir do contacto que desenvolvemos neste proxecto", lembra Xesteira.

A nova proposta
Agora, no seo da Escola de Música Municipal da Coruña está a se xestar a última proposta neste campo no noso país. O pasado sábado presentábase ao público cunha actuación a Orquestra de Música Tradicional Galega. Crear un punto de encontro para os músicos tradicionais da Coruña e das comarcas próximas foi un dos principais motivos que levou a Eduardo Méndez Dubi Baamonde, profesor deste centro, a pór en marcha o proxecto. “A intención é dinamizar a música tradicional na cidade”, explica. “Desde hai uns anos a xente que traballa este ámbito estamos cada un no noso cubículo e non se dá un diálogo real. En paralelo a isto, obsérvase unha mingua na calidade musical”. Ao seu ver, estes procesos de intercambio son fundamentais para desenvolver o panorama sonoro. “A importancia real da educación musical está na socialización da música para cantar e bailar. Pensamos que a música ten que baixar á rúa e vemos que en lugares como Euskadi ou Bretaña, onde esta música está viva é porque a xente liga no baile tradicional”.

Posibilidades sonoras
Na súa presentación, a Orquestra de Música Tradicional Galega subiu este sábado ao escenario con 36 músicos. Entre outros, o conxunto incluíu instrumentos como saxos, trombón, clarinete, requinta, gaitas, pandeiretas, bombos, acordeóns, frautas, violíns, ou contrabaixo. A integración de instrumentos que se dá nunha orquestra deste tipo achega grandes posibilidades á hora de traballar coa nosa música. Desde Sondeseu, Xesteira apunta que "cando montamos a orquestra pensamos que soaría como un grupo folk pero con máis volume, e no entanto atopamos que a coordinación de instrumentos deu un efecto moi diferente, moi máxico". A calidade dos arranxos resulta neste caso fundamental para explorar estas novas sonoridades. "O emprego de seis zanfonas ou cinco arpas xuntas permiten darlle diferentes papeis aos instrumentos, non todos fan melodía e harmonía", explica. "Aí son fundamentais os arranxos que fai Rodrigo Romaní". Canda a isto á hora de deseñar unha formación deste tipo "cómpre equilibrar a presenza de cada un. Por exemplo, as catro gaitas e a percusión marcan o volume do resto, as zanfonas e as arpas teñen que compensar ese son. Nunha Orquestra Sinfónica non fai falla amplificación porque o número de violíns, por, exemplo, permite compensar os metais. Nós procuramos a máxima naturalidade dos instrumentos, pero en espazos fechados cómpre empregar unha certa amplificación para as cordas e as voces. Tentamos ir no camiño de equilibrar o son de xeito natural e non a precisar".

Novos espazos
Dentro da exploración de novos espazos para os sons populares, a orquestra coruñesa quere apostar polo traballo coa improvisación no seo da música tradicional. “Queremos integrar a improvisación musical, que hoxe moita xente pensa que está só no jazz, neste ámbito. Eu lembro ver gaiteiros na Fonsagrada a improvisar a partir dos puntos que bailaba a xente. Nese sentido queremos ter unha formación creativa”. Xogamos un pouco con non ser exactamente unha orquestra clásica, nin unha banda de música, nin unha big band pero tendo algo de cada unha. En determinado momento un tema máis actual pode darlle máis protagonismo aos metais, mentres outros poden soar máis como bandas de música, máis clásicos ou máis folk”.

Composición aberta
A composición da nova orquestra non é, polo momento, a definitiva. “Estamos aínda en proceso de formación. Para a presentación contamos co apoio de moitos músicos profesionais que nos botaron unha man, pero o que sexa a orquestra vai depender de quen se apunte a ela”, asegura Baamonde. “O mesmo para o vindeiro mes de setembro temos que comezar de novo, a depender de quen se matricule”. A proposta está aberta alén dos alumnos do centro. “Os que xa están matriculados poden se integrar gratuitamente, os que non teñen que pagar unha pequena cota ao mes”. Encol de futuros proxectos de actuacións, repertorios ou gravacións, Baamonde sinala que aínda fica lonxe. “Polo momento temos que conseguir existir. Se logo entramos nun ciclo de actuacións e actividades xa se verá como o facemos”.

Novos públicos
A aposta por unha formación como este pode, segundo recoñece Baamonde, achegar a tradición a novos públicos. “Para engaiolar a un neno hoxe en día tes que o gañar con algo. E eu penso que se o pos a tocar nunha orquestra como esta, con músicos profesionais, ou se o levas a actuar con xente penso que podes enganchalo na nosa música”. Coincide con el Xesteira ao apuntar as posibilidades que este formato ten para amosar unha imaxe diferente da nosa música. "Ao traballar os sons e as musicacións en exteriores e eventos dá unha imaxe moi potente ante un público que, cando menos no noso caso, adoita ser cada vez máis numeroso. O pasado anos tocamos en Castrelos ante 8.000 persoas, e estamos a ver que hai unha aceptación moi grande do público, tanto en exteriores como en auditorios".

Aprendizaxe e viabilidade
Segundo explica Xesteira, o desenvolvemento deste tipo de grupos está polo xeral vencellado á existencia dunha oferta formativa arredor da música tradicional. “Do mesmo xeito que no seu momento naceron as bandas de gaitas, cando hai unha certa proliferación de intérpretes de diferentes instrumentos como poden ser zanfonas, violíns ou arpas, pódese enmarcar o seu traballo nun mesmo conxunto e aglutinalos nunha nova experiencia”. Así, Sondeseu naceu ao abeiro da E-Trad, a escola de música tradicional de Vigo do mesmo xeito que a nova orquestra coruñesa está vencellada á Escola Municipal de Música. “A orquestra tamén lle dá un certo sentido a unha escola especializada en música tradicional", apunta Xesteira. A rendibilidade de agrupacións que moven esta cantidade de músicos non é sinxela e só é posible, segundo recoñece o presidente de Sondeseu, polo seu vencello con centros deste tipo. "Non buscas un lucro, e iso permite que vaiamos funcionando e poidamos movernos a cubrir os custes, que non deixan de ser elevados porque falamos de mover moito material e preto de 40 ou 50 persoas". Para isto é imprescindible "a xenerosidade dos músicos, que no noso caso a retribución que reciben é o aplauso do público" recoñece Xesteira.

Recuperación de patrimonio
Malia a estas dificultades, o proxecto da nova orquestra está claro para Baamonde, e a recuperación de patrimonio musical é un dos eixes de traballo fundamentais. “Fomos recuperando documentación de coleccións particulares ou cousas que mercamos por Internet e aproveitamos tamén o material que hai en arquivos dixitalizados de todo o mundo”, explica. “Ai van aparecendo cousas marabillosas, como a gravación de 1902 nun cilindro de cera que está na Biblioteca Nacional, ou pezas que descubrimos na Biblioteca de París ou en Estados Unidos”. Así, boa parte do repertorio da nova formación aproveita pezas ata o momento perdidas para a nosa música. “Temos unha muiñeira para orquestina composta en 1930 por un tal H. Rossy, que é unha preciosidade. Tamén unha partitura manuscrita dun pasodobre de Adolfo Sierra, un dos maiores investigadores do tango que podería ter orixe galega”, explica. Para alén da música de autor, o repertorio incluirá, como non, pezas tradicionais reinterpretadas “ e estamos abertos tamén a propostas de composición actual.

Máis camiños
Malia á ambición destes dous proxectos, no noso país hai outras iniciativas que tamén apostan por agrupar instrumentos tradicionais na procura de sons máis orquestrais. De feito, o propio Baamonde apunta como experiencias a seguir propostas como as desenvolvidas desde o Conservatorio de Lalín e Central Folque en Santiago, o proxecto "Moxenas musical galego, dirixido por Xosé Oliveira en Vigo, as bandas de Xarabal e Suevia en Ribeira e Porto do Son con Pepe Romero ao frente; ou diferentes e novidosos conxuntos instrumentais criados no entorno de conservatorios de música, como o contemporáneo combo folque do Cmus de Viveiro con David Bellas". As portas sonoras están abertas.

MULTIMEDIA
Vídeos da presentación da Orquestra de Música Tradicional Galega. Fonte: Tati Mancebo.