Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Díaz Castro: Potencial para crear

DESDE MONóLOGOS CóMICOS A CONTOS INFANTíS, MULTIPLíCANSE AS PROPOSTAS ORIXINAIS ARREDOR DO PROTAGONISTA DAS LETRAS GALEGAS

Díaz Castro: Potencial para crear

MISCELáNEA | maio 15, 2014

imaxe non dispoñible

Quizais a súa obra non fose moi extensa nin o seu nome tremendamente coñecido. Pero do que non cabe dúbida é que a figura e a poesía de Díaz Castro están a demostrar este ano un enorme potencial para se recrear e adaptar aos máis diversos enfoques e soportes. Para alén das propostas audiovisuais, das que xa falamos, iniciativas escénicas, contos ilustrados ou cancións son algunhas das achegas máis orixinais arredor do homenaxeado no Día das Letras.

O monólogo
Un monólogo cómico. Esta é a curiosa proposta que o cómico Pedro Brandariz fai con ocasión do Día das Letras. Díaz Castro, o tradutor é o título da montaxe na que Brandariz traballa a partir dos poemas de Nimbos. Segundo explica, “trátase de falar sobre a cultura galega, o noso xeito de ser. O que fago tomar como punto de partida varios poemas de Díaz Castro. Léoos, e a partir de aí reflexiono sobre como somos, tentando levar os versos a unha certa comicidade”. Aínda que a adaptación pode semellar complicada, este actor sinala que “hai algúns nos que o poeta fala sobre como quixera que fosen os galegos,e outros que fai retratos bastante realistas sobre a xente e o país, entón ao final é unha radiografía bastante axeitada coa que traballar”. Logo de presentar o espectáculo na Pobra do Caramiñal o pasado luns, o vindeiro día 17 Brandariz presentará o espectáculo en Betanzos.

O asombro

O asombro con Díaz Castro from Culturgal on Vimeo.



Non é a súa a única oportunidade de se achegar ao autor desde as táboas. Como xa fixeran no seu día con Uxío Novoneyra, Fantoches Baj leva a escena os poemas do poeta en O asombro con Díaz Castro. “É a mesma proposta de xogo escénico a partir de nove libros cos que imos construíndo espazos ou personaxes. Sendo sinceros quixemos deixar claro que se trataba do mesmo espectáculo pero con Díaz Castro”, explica Inacio Vilariño, desta compañía. No entanto, a aparición o poeta chairego non elimina os versos de Novoneyra do show, senón que entabla un diálogo cos mesmos. “Vendo a relación de amizade que había entre dous tratamos o xeito de abordar a poesía que tiña cada un deles. Aparecen novas músicas e novas figuras cos libros”. A partir dos versos que se empregan, Vilariño apunta que “cheguei a conclusión, aínda que non son un especialista, de que había unha forte conexión entre os dous, e penso que unha influencia común de Rilke. No entanto, hai dúas visións diferentes da natureza e do xeito de estar nela. Vese a oposición entre o ateísmo de Novoneyra e o certo ar franciscano de Díaz Castro”. Logo de visitar Vimianzo, o espectáculo está este día 16 no Barco de Valdeorras e o día 17 achégase a Ourense.

O potencial de Díaz Castro

Encol da orixinalidade coa que se están a abordar este ano a figura do homenaxeado nas letras, Vilariño apunta que “quizais estea a se dar algo de inercia. Logo de varios anos vese que os textos dos autores homenaxeados vense como algo interesante e axudan a distribuir os espectáculos”. A un nivel máis particular, asegura que Díaz Castro “traballar sobre unha poesía do sublime que é abondo abstracta para permitir desenvolver algo a partir dela. Ademais tamén é moi musical e préstase para o diálogo”, asegura.

O espectáculo colectivo
Para o caso de que non semellen abondos, tamén Palimoco Teatro aborda este ano o xeito de levar o autor á escena. Ou máis concretamente á rúa, a retomar un formato que xa empregaran para traballar a María Mariño, Álvarez Blázquez ou Lois Pereiro. A beleza feriume para sempre é o título da montaxe que desenvolverá este grupo en Lugo o vindeiro día 18 nas rúas de Lugo. “O espectáculo xorde dunha serie de obradoiros que se fixeron en maio e a partir dos cales elaborouse unha documentación e a dramaturxia dun espectáculo que percorre a vida e a obra de Díaz Castro” explica Paloma Lugilde, directora da montaxe. Danza, maxia e teatro atópanse nunha proposta que conta cunhas sesenta persoas a participar, moitas delas sen experiencia previa no teatro. “Traballamos moito con metáforas dos seus poemas. Pártese da historia de dúas estudantes que chegan a Guitiriz a investigar o traballo do poeta e que van atopando persoas que fan parte da vida do autor e percorren as súas diferentes etapas”. Aquilino Iglesias Alvariño, Trapero Pardo ou Noriega Varela son algúns dos personaxes que aparecen no espectáculo e axudan a se adentrar no mundo do poeta chairego.

Músicas
Como está a ser habitual nos últimos anos, non faltan tampouco propostas musicais que se achegan ao traballo de Díaz Castro. Así, mesmo nomes tan senlleiros como Fuxan os Ventos presentaron a súa versión de Penélope, e o dúo 2naFronteira presenta co seu Zapatiños para Díaz Castro un álbum completo de poemas cantados deste autor.





A última achega neste sentido é a que realiza Héctor Lorenzo co apoio do acordeón de Santi Cribeiro. Lorenzo presenta, da man de Galaxia, o espectáculo Un paso (sempre) adiante no que interpretarán catro poemas de Díaz Castro adaptados por este músico. Canda a estes, o repertorio inclúe textos de Rosalía de Castro, Manuel Antonio ou Cunqueiro, nun recital que pon o foco na poesía. Segundo explica Lorenzo, “escollín textos que me suxeriron unha música. Lina a poesía, disfruteina e logo onde vin claras as cancións musiqueinas, foi todo dun xeito moi orgánico, e nalgún caso saíron cousas como muiñeiras ou o que semella ser un funky acústico. Todas teñen ritmos moi diferentes”.


O conto
Dentro das achegas orixinais ao homenaxeado no Día das Letras, a empresa de xestión cultural fabaloba presentou O neno e a estrela, un álbum ilustrado dirixido aos máis novos que supón a súa estrea como selo editorial. Asinado como colectivo polos membros da empresa, o proxecte xorde de experiencias previas deste profesionais, que xa tiñan adaptado para as crianzas personaxes como Manuel Antonio ou Rosalía en historias que empregaron como base para diferentes actividades. "Como era o ano dedicado a Díaz Castro, pensamos en facer un conto e pareceunos o paso lóxico editalo". A historia dun neno, o propio poeta, que atopa unha estrela é a base do relato. "Partimos moito da tradición oral. Axiña vimos que o que nos permitía adaptar o poeta a un ctondo dest tipo era facer un conto etiolóxico, é dicir aqueles mitos que explican a orixe dunha cousa. E seguimos bastante este esquema. Introducimos tamén outros referentes da oralidade como é a aparición dos demachiños". A partir deste traballo, o equipo de Fabaloba desenvolve propostas como un obradoiro de camistetas ou xogos de escrita creativa a apritr de versos do autor. "Moita xente coméntanos que é das poucas cousas que hai este ano sobre o autor do Día das Letras para un público familiar". O volume está dispoñible íntegro na rede. "comprobamos que editalo con licenza Creative Commons e poñelo na rede para libre descargar é o máis eficaz para a difusión. Hai coles que están a traballar con eles, e iso axuda moito".

Como se pode ver, Díaz Castro está a motivar creatividade a esgalla en todos os ámbitos da nosa cultura. Cun panorama coma este, non cabe dúbida que o coñecemento do poeta na nosa sociedade está garantido.

AUDIO
Fragmento de Coma ventos fuxidos. Héctor Lorenzo sobre texto de Díaz Castro.
DOCUMENTO