Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A cantar os Cantares (I)

MULTIPLíCANSE AS PROPOSTAS DISCOGRáFICAS ORIXINAIS ARREDOR DA OBRA DE ROSALíA DE CASTRO

A cantar os Cantares (I)

MISCELáNEA | outubro 9, 2013

imaxe non dispoñible

O 150 aniversario de Cantares Gallegos está a deixar un ronsel inédito de novidades discográficas. Músicos de diversos estilos réndenlle homenaxe a Rosalía de Castro a reinterpretar os seus versos. Desde cancións para nenos ata o rock, as referencias multiplícanse e amosan o orixinalidade dos músicos do país. Repasamos estes lanzamentos nunha serie de dúas reportaxes.

É ben certo que unha obra fundacional para as letras galegas como é Cantares Gallegos só cumpre 150 anos unha vez. No entanto, e aínda que pode ter influído, este aniversario non explica por si só a proliferación de versións musicais da poeta. O interese editorial nunhas hipotéticas boas vendas apóiase nun público que semella ter interese na música en galego e nos seus intérpretes. Canda a isto, cómpren tamén músicos dispostos a lle meter man a uns versos moitas veces xa cantados e tentar achegar algo novo. Deste xeito, Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, recoñece a pegada dos editores e dos axentes culturais nesta xeira de lanzamentos, pero insíreos tamén nun maior interese xeral da sociedade pola autora. “A conmemoración de Cantares foi decisiva. Toda a sociedade, aínda que xa o estaba a facer, puxo de novo os ollos sobre Rosalía con máis intensidade. Fixérono por exemplo desde a creación literaria, pero de xeito especial, a creación musical voltouse con Rosalía”.



Entre editoras e músicos
No caso de Galaxia, Francisco Castro recoñece que os recentes lanzamentos neste sentido teñen en parte compoñente de querer aproveitar o tirón editorial de Rosalía neste aniversario. Así, a editora publicaba recentemente Na lingua que eu falo. Este libro-disco que Najla Shami lle dedica a Rosalía propón unha mestura de letras da poeta musicadas con textos propios inspirados pola obra da de Padrón. Temas íntimos nos que non falta intensidade lírica nun traballo que, segundo sinala Castro, “conforman un traballo moi interesante e apetecible para o público adulto”. Canda a isto, a editora viguesa apostou por Rosalía pequeniña, un volume no que Uxía é a responsable da parte sonora mentres Marina Seoane corre coas ilustracións dunha obra na que se busca o diálogo directo entre unha rosalía meniña e os ouvintes máis novos da casa. Segundo explica Castro, a xestación destes proxectos “é unha cuestión do cincuenta por cento. Con Uxía xa fixeramos María Fumaça e tiñamos moita gana de abordar outro proxecto. Este era perfecto porque ela xa tiña algúns poemas musicados”. No caso de Najla Shami, “foi máis unha proposta editorial. Ela xa fixera algún achegamentos a Rosalía, así que falamos e miramos de sacar o libro-disco. A nós interesábanos achegar Rosalía ao público, especialmente aos máis novos, con novas linguaxes”.



Máis cativos
A proposta de Rosalía Pequeniña non é a única dirixida ao público máis novo. Xosé e Xiana Lastra tamén traballan coa autora de Padrón en A miña primeira Rosalía logo do seu traballo en O meu primeiro Celso Emilio. Desta volta a proposta é un disco colectivo que conta coas voces de María Manuela, que tamén corre coas ilustracións, Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero), Xosé Luís Rivas Cruz (Mini) e mais Xiana Lastra Pernas, acompañados dunha ampla selección de músicos, que interpretan un total de 12 temas a partir de textos de autora. O volume sairá este outono da man de Edicións Xerais e preséntase publicamente o 11 de outubro no Teatro Jofre de Ferrol.

Da encarga ao persoal
O impulso da editorial tamén tivo grande importancia na xestación de Nas tardes escuras de Narf, que publicou El Patito Editorial. “A editora leva xa varios anos a publicar a obra poética de Rosalía en edicións ilustradas, e como parte dese proxecto propuxéronme facer un traballo moi libre sobre poemas dela”, explica o músico. Posto mans a obra, recoñece que o que naceu como unha encarga acabou transformándose “nun traballo moi persoal. Estiven varios meses escollendo os textos para as cancións, e eu fun o primeiro sorprendido ao ver como os textos encaixaban tan ben, ao meu ver, na linguaxe do rock. Sentinme moi cómodo, son versos moi crus e con moita honestidade, enerxía e cores emocionais. Non sempre é fácil atopar artistas que traballen con tanta honestidade, Rosalía consegue textos moi fondos pero cos que é sinxelo identificarse, préstanse moito á música que eu practico”. O libro-disco céntrase maioritariamente en textos de Follas Novas. O volume presentarase ao vivo o vindeiro 31 de outubro na compostelá Sala Capitol da man de Narf Trío, unha formación na que o compositor estará acompañado de L.A.R. Legido e de Alberto Rodríguez Ho Chi Min á batería e baixo, respectivamente.



Sen medo
Malia a que faltan aínda moitos temas por escoitar, pódese percibir, con traballos como o de Narf unha certa perda de timidez por parte dos músicos á hora de se achegar a Rosalía. “Está se producir este proceso e é moi importante que se produza. Uxía interpreta letras a ritmo de blues ou fai unha colaboración con Sés moi cañeira en A gracia non era moita. Faláselle á xente como a xente fala” sempre a través dos versos da poeta, explca Castro. Coincide con eles Narf a recoñecer que se produce unha certa renovación no xeito de se achegar á poeta desde a música. “Penso que está a pasar e estou contento. Son obras clásicas da nosa cultura, como se falásemos de Shakespeare para os ingleses. E entón é normal e necesario que se revisiten, porque se trata de textos universais. As diferentes xeracións van dándolle diferentes versións cos seus respectivos presupostos musicais, e iso amosa que se trata dun material atemporal que está completamente ao día e fai parte do nos patrimonio emocional”.