As músicas que nacen (V): Vigo
agosto 5, 2013
Vigo sempre foi praza musical eterna e inmortal. Clásicos como “Bailaré sobre tu tumba” de Siniestro Total saíron da cidade do sur de Galicia e hoxe en día moitas formacións continúan a tradición de crear música mesturada con diversión e ruidismo, unha das características do noroeste da península. Definida como o “centro neurálxico musical galego por excelencia”, esta cidade conta cunha gran oferta musical medida en número de bandas, locais de ensaio, festivais e algunhas das salas de referencia a nivel estatal como La Fábrica de Chocolate, La Iguana Club ou Sala Mondo.
Os estilos que se atopan son múltiples e as combinacións infinitas. A proposta de pop garagero de Wild Balbina ou o rock shoegaze de Mvnich, unidos a formacións con máis presenza como Eladio y los Seres Queridos ou Igloo son algúns grupos que están dando moito que falar entre crítica e público. Abrindo o círculo vigués ata o veciño concello e Ponteareas, atópase o proxecto de electro rock de Colectivo Oruga, un dúo que vén de sacar o seu segundo disco este ano.
Ruído en Vigo: Fantasmage e Jay
Fantasmage son outra das apostas fortes: un dúo de garage punk que afirman ter no ruído a súa base, segundo afirma Daniel Nicolás, o seu batería e voz: “A idea é coller un son sucio e bruto e a partir de aí compoñer cancións que poden tirar máis a un estilo ou a outro”. Isto unido ó seu toque persoal: a repetición de sons. Cancións como “Vuelta a empezar” crávanse na memoria polo seu son pegadizo, que xira en bucle, chegando a comparalos con Velvet Undreground, aínda que neste caso só fai falta guitarra e batería.
Discos Humeantes é a discográfica grazas á cal puideron editar o seu primeiro LP de título homónimo ó da formación, “Fantasmage”. Este selo asturiano encárgase de levar o traballo doutras bandas galegas “indies” como os coruñeses Sra Sr Sra ou os vigueses Jay. Este é outro dos grupos que están soando moito nestes momentos e a relación con Fantasmage vai máis alá de compartir selo: Andrés Magán, guitarrista do dúo punk, foi quen fixo posible a creación do primeiro álbum de Jay, “Vacaciones en Vietnam”.
Jay son quizais unha das formacións máis novas en canto a idade, ningún dos seus catro compoñentes superan os 22 anos, aínda que Brais Otero, baixista de Jay, puntualiza: “Os catro levamos dando concertos dende os 15 ou 16, iso fai que vaias desenvolvendo certa soltura no escenario”. É máis, os seus concertos son definidos como “duros” e contan nestes directos cunha peculiaridade: os seus instrumentos son compostos por eles mesmos coa axuda dun luthier holandés.
O seu LP, no que desemboca todo o seu rock psicodélico, serve de homenaxe a outra formación viguesa: Vietnam, un cuarteto que soan a punk. Ambos son compañeiros no colectivo Seara, unha proposta cultural sen ánimo de lucro que propiciou a gravación dun recopilatorio e a organización dun festival baseado na colaboración dos artistas, e é que “a menos presuposto, máis creatividade”, apunta o baixista de Jay.
O colectivo Metamovida
Pero en Vigo contan con outro colectivo que facilita as cousas para as formacións emerxentes: o Metamovida. Para Manuel Suárez, encargado da asociación Desconcerto Cultural (de similares características e sita en Santiago), o movemento que existe ó redor destes colectivos son “a semente do que está por chegar”, dando pé ó desenvolvemento de moitos proxectos.
No Metamovida participan o grupo Guerrera, unha aposta musical que se alonxa do ruido e se decanta polo blues, máis ben o psicodelic gypsy blues, e ós que chegan a identificar co mesmo Jimi Hendrix. “Prefiro que a xente escoite e vibre e se olvide de definir a música”, comenta Luis Casanova, o seu baixista, amosando unha das actitudes que predominan entre estas formacións: fóra etiquetas.
Novos proxectos
Tanto Nico de Fantasmage como Manu, dos extintos Indómitos, foron os que fixeron posible a creación de Estrambote, unha formación que se atopa aínda no berce, con Abel Dobarro á cabeza. Contan xa cun EP que recibe o nome de “Ídolos y héroes” no que existe unha gran mestura de estilos, algo que predomina (e define á vez) na forma de facer música das formación galegas. Segundo Javier Becerra, xornalista e crítico musical no blog Retroalimentación, esta característica débese “á era post-Internet na que cada oínte ten opcións infinitas para elixir o que escoita”, os xéneros case desaparecen.
A rede como plataforma musical
A rede tamén está presente noutras vertentes, xa que é plataforma para a case totalidade dos grupos emerxentes en sitios como Bandcamp ou Souncloud (que toman o testigo de MySpace). A esta utilidade súmase a posibilidade de financiarse mediante crowdfunding, unha opción que algúns grupos, como Guerrera, teñen empregado para o seu álbum. Outra das vantaxes: a difusión, solucionando, en parte, unha das problemáticas que apuntan bandas como Fantasmage: “Debería haber máis difusión para que a xente enchese as salas, segue sendo unha cousa de minorías”.