Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / As músicas que nacen (I): A Coruña e Ferrol

O ROCK INSTRUMENTAL DE LENDRONE E A IRREVERENCIA DE SRA SR SRA, DúAS FORMAS DE FACER MúSICA NO NORTE GALEGO

As músicas que nacen (I): A Coruña e Ferrol

MISCELáNEA | xullo 8, 2013

imaxe non dispoñible

Galicia pode ser considerada como unha “cidade única” a nivel musical, como diría o crítico Nonito Pereira: hai formacións procedentes de todos os lugares imaxinables aínda que logo, por temas loxísticos, acaben xuntándose nas cidades máis grandes. Esta serie de sete reportaxes tentará debuxar o panorama musical emerxente en cada unha das cidades galegas. Cada luns presentaranse os grupos máis representativos do que se está a facer na Coruña, Vigo, Pontevedra, O Grove, Lugo, Santiago ou Ourense, que os une e que os diferencia.

Un dos focos musicais en Galicia é A Coruña, para todos aqueles aos que lles gusta dividir o panorama galego por zonas xeográficas, unha das cidades imprescindibles nas que se “coce” algo. A súa oferta musical a través de salas de concertos é amplísima calquera fin de semana. Locais como a Sala Garufa, Mardi Gras, Filomatic ou LeClub Directo son sinónimo do escenario de despregamento de moitas bandas coruñesas. Sen ir máis lonxe, o LeClub foi o lugar onde a formación coruñesa Lendrone presentou a comezos deste ano o seu primeiro álbum de debut (Uno), un dos máis esperados, con grande expectación pola súa posta en directo.
O trío coruñés (cuxo nome ten orixe nun xogo de palabras co apelido Lendoiro) presentou así un traballo arriscado, rock instrumental, con Uno, onde se “esquece o preestablecido, xógase cos sons e búscanse os matices”, segundo explica Juan Alvedro, guitarrista da formación. O seu estilo de música é definido por algúns críticos como o ideal para viaxar polo espazo e ten a capacidade de deixar ao ouvinte a interpretación de cada un dos temas, “nostalxia ou soltar enerxía”, comenta Alvedro.



Novas propostas musicais
Pero Lendrone non son os únicos que apostan pola música carente de letra, xa que son moitas as comparacións cos pontevedreses Unicornibot (cos que comparten selo discográfico, Matapadre), outra das bandas instrumentais do “momento galego”. Respecto a estas propostas tan diferentes, o guitarrista de Lendrone afirma que “a xente en Galicia está aberta a todos os estilos de música, algo moi enriquecedor”.
E de feito é así porque na Coruña tamén xorden Sra Sr Sra, un grupo que rompe con todos os conceptos. Zippo e Víctor son os artífices de crear cancións que poden durar 45 segundos e nunca superar o minuto e medio, “tampouco temos moito que dicir, get up and shake! e pouco máis”, explica Víctor, batería e voz do dúo. Deste xeito, ofrecen concertos dun cuarto de hora de duración nos que as cancións irreverentes soan a un ritmo rápido a camiño entre o punk e o rock.



A cantautora: Jane Joyd
Outra proposta innovadora procedente desta cidade: Jane Joyd. Este é o nome artístico de Elba Fernández, unha cantautora folkpop (aínda que ela prefire non encadrarse) que saíu á palestra cunha actuación no Festival Internacional de Benicássim. Un comezo forte para unha artista que prefire os traballos curtos (EP) á hora de expresarse, xa que “permiten facer un mellor labor conceptual”, explica. Moitos son os críticos que destacan o seu traballo como un dos máis prometedores deste ano, dunha artista á que compararon nos comezos a Russian Red, aínda que Jane ve a diferenza nas características do seu estilo “dramático e escuro”.



Actividade musical en concellos veciños
Formacións como Mano de Obra (techno poppunk), Combo Dinamo (pop sesenteiro), Fagot y Popota (electro) ou o colectivo de hip-hop Nowerside, entre moitas outras, completan o abano de diferentes estilos que xorden na cidade. Aínda que nas zonas periféricas tamén se poden atopar propostas máis que interesantes. Así, no veciño concello de Carballo (coa activa sala A Reserva), Franc3s acapara moitas miradas co seu estilo máis popeiro. Baixando máis ao sur, e sen saír da provincia coruñesa, bandas como Terbutalina (Muros) teñen xa máis camiño andado, ocupan un oco no seu particular xénero, o “gastropunk”.






O panorama musical en Ferrol
E virando dirección norte, a cidade de Ferrol acolle o seu particular panorama musical. Alí está situada a Sala Super 8 e Rubén Coca, o seu director define así a escena local: “Esta comarca é moi activa a nivel musical, numerosas bandas con diferentes estilos e cuxa pretensión non é transcender, só dar saída musical ás súas inquedanzas”. Malia que este non é o caso de Carrero Bianco, unha formación que aposta polo electro pop, son dos poucos que empregan a lingua galega á hora de compoñer algunha das súas cancións, que son frescas e “bailables”, aínda que respecto desta característica teñen algo que dicir: “Encántanos ver bailar a xente, pero non facemos música de baile, hai moita intención nas letras e no son”, segundo comenta Joaquín Bianco, guitarrista e voz.

Con dous traballos ás súas costas, Carrero Bianco participou no Galician Bizarre, unha iniciativa que pretendeu acoller nun par de álbums recompilatorios (eles participaron na primeira edición, en 2010) o máis representativo da “escena galega”. De feito, á hora de falar de escena, os críticos amósanse dubitativos ao non haber unha característica común a todas as formacións galegas, xa que predomina unha heteroxeneidade total. Só se atreven a falar de escena se se refiren a este traballo recompilatorio, o máis “bizarro” desta nova etapa musical galega.