Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Música en branco

SINSAL AUDIO ORGANIZA NO VERBUM DE VIGO UNHA MOSTRA SOBRE A MEMORIA SONORA DE VIGO

Música en branco

MISCELáNEA | marzo 3, 2011

imaxe non dispoñible

500 testemuñas de momento. As melodías que ficaron gravadas na memoria das diferentes xeracións. O Verbum de Vigo acolle a exposición Música en branco. Memoria dunha cidade, un espazo no que se recrean as músicas gardadas na lembranza dos vigueses. O seu comisario, Julio Gómez, selecciona para nós os dez temas máis comúns na memoria dos vigueses nunha lista de reprodución de Spotify e explícanos o proxecto.

Ata fins de marzo, 6 peanas xigantes instaladas no Verbum – Casa das Palabras de Vigo permiten escoitar entrevistas, músicas, melodías ou sintonías de programas que fican almacenados nas memorias dos habitantes de Vigo. Trátase dun proxecto en evolución constante, como sinala Julio Gómez, membro do dinámico colectivo vigués Sinsal Audio, que están previstas moitas máis entrevistas. “Decidimos facer como un backstage, porque son unha prolongación da memoria musical, moito máis especializada”, sinala Gómez.

Sinsal Audio ten moita experiencia no traballo con contidos sonoros. “Cando traballas no mundo do son visualizar ese traballo é moi complicado. Así que decidimos unha estrutura de seis peanas. Nelas debe haber uns 300 documentos sonoros. Non se trata de que as persoas vaian alí e que escoiten as respostas e a música. O que fixemos foi unha especie de campo sonoro para que as persoas que vaian rodeando as peanas escoiten melodías e respostas moi de fondo, como buscando tamén na memoria e na profundidade dos recordos”, sinala o comisario da exposición.

A produción
O equipo de Sinal realizou 500 entrevistas con participantes voluntarios. A pregunta era moi directa: “Que melodía, banda sonora ou sintonía gardas na túa memoria?”. As respostas foron heteroxéneas, pero había puntos en común. “Cada xeración ten a súa banda sonora”, explica Gómez, “e hai un salto xeneracional dependendo da tecnoloxía”. Segundo explica Gómez, as persoas maiores teñen recordos musicais esencialmente vinculados ao lugar no que escoitaban a música, coma os eventos colectivos, os bailes…A xente de idade media, pola contra, lembra documentos sonoros vinculados con cabeceiras de programas de televisión como La Clave, ou o Un, dos,tres…Nos máis novos, da xeración dos trinta anos ou menos falamos xa de grupos ou de cancións. “Hai unha evolución da idea de repetición da música”, indica Gómez.

Na banda sonora de Vigo que propón o comisario figuran cortes de música que marcan, en certo xeito, o adn sonoro dun mundo urbano desde os anos 60. Gómez fíxonos unha selección que podes consultar disfrutar na nosa lista de Spotify.