Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Optimizar a música clásica

O CONSELLO DA CULTURA ABORDA A RACIONALIZACIóN DOS RECURSOS MUSICAIS DO NOSO PAíS NUNHA XORNADA

Optimizar a música clásica

CLáSICA/LíRICA | marzo 1, 2011

imaxe non dispoñible

Sen aumentar o gasto, mesmo reducíndoo, pódese mellorar a atención musical en toda Galicia racionalizando o uso dos recursos musicais? Esta é a cuestión da que parte a xornada Ordenamento musical en Galicia. Racionalización dos recursos musicais que se celebra este mércores no Consello da Cultura Galega. Maximino Zumalave, Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas deste organismo, adiántanos algunhas das cuestións que se debaterán no encontro.

Coordinar os repertorios das grandes formacións, darlle un maior emprego aos músicos, establecer circuítos para a música clásica por todo o país, semellantes aos que xa existen para o teatro ou a música pop. Estas son algunhas das propostas que se debaterán na xornada que se celebra a partir das catro e media desta tarde na sede do Consello da Cultura, en Compostela. Da man da sección de Música Artes Plásticas, especialistas como Tomás Marco, Álvaro Guibert ou Xerardo Estévez analizarán o estado deste sector e farán propostas neste sentido. Para Maximino Zumalave, coordinador da sección, “si que sería posible conseguir isto, pero hai que ver cómo. Para ver iso pensamos que nos poden axudar moito os dous relatorios que temos este mércores”.

Concentración
Unha cuestión fundamental neste panorama é o feito de que a oferta estable de concertos de grandes formación está concentrada na Coruña e en Compostela. “Se contemplas datos como os que achega o Observatorio da Cultura, comprobas que a actividade musical sinfónica e de cámara está basicamente centrada na Coruña e Santiago. As dúas cidades teñen argumentos para manter isto, entre outras cousas porque teñen infraestruturas como auditorios e teatros e formacións residentes nestes espazos”. E é que a Sinfónica, na Cidade Herculina, e a Real Filharmonía, na capital galega, supoñen o eixe da programación deste tipo que existe no país. Canda a isto, a oferta de música clásica depende en boa medida as orquestras foráneas que visitan os nosos auditorios da man do programas culturais da Caixas e mais dos ciclos que organiza o Xacobeo, para alén das propostas anuais que xorden desde concellos como Vigo ou a Coruña, con festivais propios. Malia a iniciativas de programación estable, en xeral as opcións para ver música clásica teñen grandes oscilacións ao longo do ano.

Un circuíto
Como solución a esta cuestión, Zumalave considera desexable establecer un circuíto de actuacións para as formacións orquestrais e outros conxuntos de música clásica, ao xeito dos que xa existen para o teatro ou a música popular. “Se temos auditorios en todas as cidades de Galicia, e mesmo en vilas como Tui, Vilagarcía ou Carballo, con escenarios relativamente grandes de capacidade de máis de 300 butacas, a cuestión é ver se pode ser que haxa actuacións desas orquestras que roten máis por toda a comunidade” explica este director de orquestra, que apunta tamén a necesidade dunhas maior rotación das grandes orquestras entre a súas respectivas cidades. “Ao mellor as orquestras podían coordinarse e rotar. Se a de Compostela vai tocar fóra, esa semana podería vir aquí a da Coruña, ou á inversa”.

A demanda
Cabe preguntarse ata que punto existe no noso país público para unha oferta deste tipo. Segundo os datos recollidos no estudo Ocio e hábitos culturais dos galegos, do Observatorio da Cultura, un 14,1% da nosa poboación asistiu a un espectáculo de música clásica ou de ópera unha vez no ano. Aínda que a cifra pode semellar baixa, debemos considerar que na Coruña a asistencia ascende a un 23,4%, seguida moi de cerca por Santiago cun 21,9%. É dicir, que alí onde a oferta é maior, tamén existe máis público. A reforzar esta idea, o mesmo estudo recolle que ata un 50% das persoas que non acoden a este tipo de propostas en Ourense non o fan por non teren oferta perto. A cifra mantense nun 41,4% en Lugo e diminúe ata un 24,9% na Coruña, que é precisamente onde se concentran as programacións estables. Para Zumalave, “Hai demanda. Non se pode xeralizar a partir dun caso particular, pero coñezo xente, por exemplo en Ourense, que me preguntan por qué non poden ter máis acceso á música clásica, só poden ir unha ou dúas veces no ano”. En xeral, os datos semellan refrendar que existe un grande potencial de crecemento para este tipo de iniciativas culturais.

Ópera
A falar da ópera, o caso é semellante. Neste caso destaca a existencia no noso país de estruturas consolidadas como a Asociación de Amigos da Ópera da Coruña, que organiza o destacado festival anual desta cidade, ou a súa homóloga en Compostela, recén nada e aínda máis modesta. En xeral, o coordinador da Sección de Música destaca que “coa ópera acontece algo moi curioso, cando ollas os coleccionables que se venden nos quioscos, a min dáme a impresión de que existe unha maior oferta de ópera do que de música clásica. Haberá máis demanda ou venderase mellor. E a verdade é que cando o Auditorio de Galicia programaba ópera, aínda que eran producións pequenas, podíase encher a sala dous días, e mesmo con xente nova, aínda que haxa aínda hoxe prexuízos sobre este xénero”.

Vantaxes para os músicos
Para alén do público, a optimización dos recursos dispoñibles para a música clásica suporá tamén vantaxes para os intérpretes. “Como músico, sabes que cando un programa se toca máis dunha vez, evolúe, o mesmo que unha obra de teatro medra cada vez que se fai. Isto axuda tamén a que mellore a calidade da agrupación que a toca”, salienta Zumalave. “É un luxo moi grande dedicar unha semana de ensaios a tocar un programa unha soa vez”. Nese sentido, a cuestión entronca coa falta de saídas profesionais para os músicos do país, que os levan a empregar ou a buscar outras alternativas laborais afastadas da música. “Hai unha grande cantidade de músicos independentes galegos, centrándonos na música clásica, que están aquí todo o ano e que poderían tocar por todos estes auditorios”. E é que xa na actualidade, para alén das orquestras profesionais, existen diferentes iniciativas como a Orquestra Sinfónica do Sur de Galicia na distintos intérpretes buscan darlle saída á súa vocación. “Hai moita xente que quere tocar e non ten onde. A nivel de formación, atopámonos que se están a formar como solistas músicos que logo acaban dedicados ao ensino. O mesmo compría racionalizar esta formación segundo as saídas laborais que existen na realidade. Ata certo punto as cousas funcionan por inercia ou por rutina, pero de cando en vez convén limpar a casa”.

Medios para a difusión
Para alén de optimizar orquestras e escenarios, Zumalave lembra a posibilidade de aproveitar aínda outros recursos para mellorar a presenza da música clásica na nosa sociedade. “Hai que ver o que temos e o que non estamos a empregar. Falamos da radio e da televisión, que poden gravar interpretacións, e mesmo de tempo libre das orquestras que se podería empregar para gravar, sen falarmos necesariamente de discos. Hai que ir pensando en qué século vivimos e cal é o acceso da xente, sobre todo da xente nova, á cultura”. E é que chegar ás novas xeracións é un desafío importante para a música clásica. “Cando saio a dirixir no auditorio eu vexo moito pelo cano. E estoulle moi agradecido ao público, pero temos que ver tamén como chegar ás novas xeracións, porque delas depende o futuro destas estruturas, tanto como público como a nivel de intérpretes. Está aí tamén o proxecto do Pazo da Ópera do Gaiás. Se finalmente hai un teatro alí onde se represente, fai falla ir educando o público”. Nese sentido, concertos didácticos como os da Filharmónica, atraen a Compostela profesores e alumnos de boa parte do país. “A verdade é que se poderían facer noutros lugares. E habería que pensar tamén e desenvolver propostas deste tipo sen que sexan dirixidas especificamente a nenos, senón tamén para adultos”, conclúe o director de orquestra.

Cuestións como estas, canda novas propostas e análises a fondo da situación do sector, poderán seguirse na xornada deste mércores. A súa posible institución xa depende do interese da Consellaría de Cultura e mais da necesaria coordinación entre as institucións e entidades implicardas. “Non sei se será posible desenvolver propostas deste tipo, pero o que me parece absurdo é establecer minifundio coas novas iniciativas”, conclúe zumalave.