A Coruña acollerá a primeira mostra de videoclips
abril 6, 2009
Video Killed the Radio Star foi o primeiro videoclip emitido pola MTV a principios de agosto de 1981. Esta peza da historia audiovisual da música dálle nome á primeira mostra de videoclips Cidade da Coruña, que se celebrará entre o 29 de xuño e o 4 de xullo. Polyrock, entidade organizadora deste certame, centra o evento no panorama musical e audiovisual galego declarándose “conscientes da existencia da gran cantidade de obras que merecen saír á luz na nosa comunidade”. Dacordo coas bases poderán presentarse pezas realizadas entre os anos 2007 e 2009 como complemento de traballos discográficos de selos independentes, ou ben producidas directamente polos músicos. Co único condicionante de que estes sexan galegos, ou cun mínimo da metade dos membros da formación de orixe galega. A mostra contará cun circuíto de proxección nocturna en diferentes locais de lecer da cidade. O prazo de recepción de traballos (en DVD ou AVI e de menos de 10 minutos de duración) está aberto ata o 8 de maio.