Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / 2002 / Sae o primeiro disco de Abe Rábade Trío cunha nova compañía discográfica

JAZZ DO PAíS

Sae o primeiro disco de Abe Rábade Trío cunha nova compañía discográfica

JAZZ/BLUES | marzo 22, 2002

imaxe non dispoñible

"Babel de sons" é o título do primeiro disco do Abe Rábade Trío, unha formación de jazz do país que está a colleitar abondosos premios internacionais. O lanzamento desta obra supón a presentación dunha nova casa discográfica, Xigra.com, especializada en jazz e fusión. E ó mesmo tempo que esta obra coñecemos o vindeiro lanzamento de "Todos os mundos" un recompilatorio que recolle os grandes éxitos de Carlos Núñez onda pezas que se atopaban espalladas en discos doutros artistas.

Disco e compañía


Abe Rábade, "Pianista revelación" na II Bienal de Jazz Tete Montoliu, presentou onte en Compostela o primeiro traballo discográfico da súa formación Abe Rábade Trio, "Babel de sons".
Este disco recolle a actuación en directo desta banda no Festival de Getxo de xullo do 2000, e inclúe seis temas orixinais de Abe Rábade ademais de "Don`t smoke anymore, please", unha homenaxe a Tete Montoliu. O disco, segundo o propio Abe Rábade, abrangue desde o swing a temas con influencia latina.
Abe Rábade Trío está formado, ademais de polo propio Abe ó piano, polo contrabaixo Paco Charlín e polo batería Ramón Ángel Rey. A banda naceu no Berklee College Music, onde estaban estudiando os seus membros en 1996. O grupo achegarase proximamente a Cuba para tocar no prestixioso Festival Internacional de Jazz de La Habana.
O disco serve como presentación para a nova compañía discográfica Xigra.com, un selo dirixido polo músico Nani García que pretende abrir un camiño para as creacións de jazz e de fusión no noso país. A compañía xa anunciou o lanzamento dun novo disco de Abe Rábade para este mesmo ano.


Carlos Núñez por xunto



O gaiteiro máis internacional do país, Carlos Núñez, presentará a vindeira semana "Todos os mundos", un recompilatorio que recolle os grandes éxitos dos seus tres discos ademais de colaboracións con outros artistas. Segundo Núñez, realizou unha selección moi persoal que reflicte a evolución do artista nos últimos dez anos. Así, atopamos cancións coma "Non te namores, meniña", tocada cos Chieftains, unha improvisación co arpista suízo Andreas Vollembider ou "A costa de Galicia", interpretada con Le Heritage Celtique. Tamén se pode escoitar "Setting sale", unha muiñeira que forma parte da banda sonora de "A illa do tesouro" e "Mary´s lament", canción incluída nun disco do productor vangardista Hector Zazou.
O disco sairá simultaneamente nunha edición para España, outra para Francia e outra internacional, diferentes entre si.