Inicio / opinión / Entre as viñetas

Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver todos os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 27 / 3 / 2013
Heroes
A segunda parte de ‘El héroe’ confirma a importancia da obra e do seu autor no panorama da banda deseñada.

David Rubín deu fin hai uns meses á extensa obra que o mantivera ocupado durante os últimos anos: El héroe. Cerca de seiscentas páxinas de banda deseñada ateigadas de exploracións polos recursos narrativos, co fin de espremer ao máximo as posibilidades do medio. Rubín actualiza a historia dun mito tan coñecido como Heracles, reinterpretando os cómics de superheroes. Aborda a historia como un díptico: se no primeiro volume se achega ao personaxe desde unha perspectiva lúdica, de tonalidade pop, no segundo ofrece, efectuando un mínimo xiro, a parte máis brutal, escura e visceral dos mitos da Antigüidade. A suavidade que pode supor ese ar pop escollido non evita, senón que mesmo acentúa, ese elemento cruento, terríbel, tan característico da mitoloxía —que moitas veces é abrandado e edulcorado nas adaptacións contemporáneas—. Tal elemento vén neste caso unirse ademais con constantes da obra de Rubín, como certo sentido tráxico da existencia. No estrutural, a aparencia da obra é tamén de sinxeleza, de capítulos autoconclusivos que se corresponden con cada nova proba do heroe. Mais, novamente, cando o lector vai alén desa primeira impresión, encóntrase con que a narración percorre todo tipo de posibilidades en todos os niveis, desde o visual até o rítmico.

Crecemento

A traxectoria de David é dunha coherencia absoluta: manténdose fiel a un estilo, non ten deixado de crecer como autor nin un só momento. Medrar tamén significa cometer erros, pero no seu caso iso ocorre só na procura de camiños distintos, dunha renovación constante. Que os erros sexan froito da busca, e non da acomodación, parece ser o lema que impulsa a súa creatividade. A aposta da súa última obra non é pequena, xa que se diría que esta se acha nunha terra de ninguén, afastada das poucas convencións que poden existir ao respecto da novela gráfica. Sen ambaxes, a obra adscríbese a xéneros mal chamados «menores» (o fantástico e o propio protagonismo por parte dun heroe serían suficientes elementos para algúns a prexulgaren negativamente), mais Rubín consegue que quede claro que non existen temas tabús para os tratar con perspectiva de autor. El héroe é unha obra dinámica, de acción, que moitos gozarán nesa compoñente lúdica, e ao tempo ten a carga de profundidade da reflexión sobre temas como a soidade do heroe, ou a propia existencia da figura heroica como elemento do imaxinario colectivo —e o complicado encaixe de tal figura na realidade.

O epílogo —no cal David se retrata comezando unha nova obra tan axiña como acaba esta— podería parecer unha esaxeración convenientemente dramatizada como broche do libro, remarcando o subxacente amor polo medio que este é, no fin das contas. Non obstante, pouco despois de aparecido este tomo xa foi anunciado ese novo traballo, a adaptación de Beowulf, a dúo con Santiago García. Fronte a quen pensou que era «máis do mesmo», os seus responsábeis xa aclararon que nada vai ter que ver con El héroe. Así é David Rubín. Convertido sen dúbida nun dos autores de referencia da actualidade (e non só da BD galega, que tamén), xa por diante de veteranos, é un incansábel explorador do seu medio de expresión, e segue a sorprender a cada paso.




Untitled Document
 
Información
Noticias
Reportaxes
Sala de Lectura
Catálogo
Autores
Publicacións
Entidades
Extras
Fondos de pantalla
Todos os extras
Outros
Historia
Suscríbete


Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org