Inicio / opinión / Entre as viñetas

Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver todos os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 16 / 1 / 2013
Fugacidade
O valor das obras de creación é, na gran maioría dos casos, transitorio, e hai que ser consciente diso tamén no proceso de divulgación.

Partamos de que obxectivar a percepción dunha obra de arte é unha cousa imposíbel, porque depende de infindos factores persoais, e mesmo do momento preciso en que se produce esa percepción. O marabilloso das obras de creación é que conseguen dotar de vida aquilo que é falso. Niso consiste en esencia calquera obra de arte: en converter en verdadeiro algo que é artificial por definición. E a técnica que consegue tal prodixio non é necesariamente eterna.

Nunha entrevista a un veterano crítico de cinema, este lamentábase da decepción que supón constatar que a inmensa maioría dos filmes non resisten o paso do tempo. Esa é unha das traxedias ás que está condenada calquera obra de creación: a depender, en maior ou menor medida, das condicións (históricas, socioeconómicas, políticas...) do seu redor para a súa correcta transmisión. O famoso «espírito dos tempos». Acho que esta transitoriedade non lle quita importancia a unha obra: se consegue «dar no albo» nun momento concreto, por breve que sexa, o seu valor é inmenso. Despois dese momento (que tamén pode ser moi extenso, abranguendo varias xeracións) a obra pode pasar a ter un valor histórico ou conxuntural, ou incluso nulo. Excepcionalmente, nalgúns casos pode seguir a emocionar séculos despois, en condicións netamente distintas. Saber se o creado hoxe chegará ter esa sorte no futuro non está nas nosas mans.

Todos temos sentido esa frustración que produce revisitar unha novela, un disco, un filme, unha BD, e non recoñecer aquilo que anos atrás nos producira entusiasmo —talvez mesmo encontrar unha obra mediocre onde lembrabamos unha opus magnum—. Ás veces somos nós os que na nosa inexperiencia criamos ter encontrado unha xoia onde non había máis que un anaco de vidro brillante. Mais noutras ocasións esa mesma obra tamén foi louvada por persoas ás cales consideramos expertas nas súas apreciacións.

Obras de referencia

Todo este proceso sucede tamén cos cómics, insisto. Por iso é máis que recomendábel revisarmos cada certo tempo as nosas «obras de cabeceira», polo menos se entre os nosos intereses está o de recomendalas. E relelas sen a cegueira do seguidor incondicional. É moi fácil caer na tentación de facer «canons» de obras e autores intocábeis, olimpos creativos «indiscutíbeis». Os vellos tótems deses canons poden chegar a ser contraproducentes: cantas veces non nos temos topado con obras precedidas de anos de gran prestixio —presentes en numerosos deses canons— e coas cales nós non empatizamos en absoluto. É certo que cada persoa é un mundo, e hai tantos gustos coma cores, mais cando moi diferentes persoas acaban vendo pouco interesante unha obra que lles recomendamos, é posíbel que sexa hora de relela e ver se o paso do tempo non fixo estragos nela.

Posibelmente, encontremos que boa parte dos nosos tesouros acumulados ao longo dos anos foron perdendo valor e en moitos casos só poden ser recuperados desde o recordo e a nostalxia. Perpetuar como dogmas de fe as listas de incontestábeis non só leva a provocar rexeitamento entre posíbeis novos lectores; ademais tamén pode chegar a facer que algúns autores se acomoden a un estado de cousas, e cheguen a rebaixar perigosamente o seu nivel de autoesixencia creativa porque se saben autores de glorias do pasado —glorias que revisadas hoxe poden resultar menos gloriosas do imaxinado... Porén, non van faltar papaleisóns dispostos a defender até a morte os seus ídolos, mesmo aínda que estes estean a ofrecer vacuidades que nin a boa técnica é capaz de arranxar.




Untitled Document
 
Información
Noticias
Reportaxes
Sala de Lectura
Catálogo
Autores
Publicacións
Entidades
Extras
Fondos de pantalla
Todos os extras
Outros
Historia
Suscríbete


Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org