Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver
todos
os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 6 / 6 / 2012
Mudanzas sociolóxicas
A sociedade cambiou, en ben poucos anos, a súa forma de ver o fenómeno do cómic
O mes pasado, un artigo de Santiago García destapou o que parece que boa parte dos profesionais e afeccionados —se temos que xulgar a cantidade de apoios de todo tipo que recibiu— xa viñan pensando desde había tempo: que a forma de fomentar a banda deseñada do Saló del Còmic de Barcelona non é xa a adecuada. Unha mestura de elementos alleos ao cómic —ou con ligazóns febles con este— acabou coméndolle o lugar de relevancia ao que dá nome ao salón, e nin a imaxe que se proxecta a través dos medios nin a sensación que perciben os visitantes son as dun evento sobre banda deseñada, senón sobre certo tipo de cultura popular nebulosa de ascendente cada vez máis industrializado. A discusión que se suscitou, en realidade, vai máis alá do que ao salón barcelonés se refire.
Tradicionalmente, moitas librarías especializadas viñeron empregando un modelo de negocio que xuntaba públicos minoritarios de distintos sectores, aínda que conectados entre si en moitos casos. Por exemplo, moitos afeccionados aos xéneros de fantasía eran consumidores ao tempo dalgúns cómics, dalgúns filmes, de xogos de rol, de diversos tipos de figuras en miniatura... Mais, en moitas outras ocasións, algúns destes clientes só estaban interesados nunha ou dúas desas disciplinas. As librarías vivían das sinerxías de todos estes públicos. Nun momento dado, unha parte significativa do público do cómic sentíase «compañeira de viaxe» destes outros sectores, principalmente pola unión producida polo gusto polos xéneros fantásticos. Porén, a auténtica revolución sufrida nos últimos anos, co alargamento da base social da BD, fixo que hoxe por hoxe este modelo xa non resulte o máis representativo, e non só iso, que parte da parafernalia que leva consigo poida resultar pouco atractiva para os novos lectores.
A comunidade
Non hai nin que dicir que non teñen nada de mao as festas de disfraces, os xogos de rol, o cinema, o coleccionismo ou as miniaturas. Simplemente, unha parte importante da comunidade conformada en torno á banda deseñada —lectores, autores, editores, promotores...— ve que as actividades paralelas acaban tirándolle o sitio á que debería ser a actividade principal: a centrada na creación e a lectura de cómics. Isto débese a un público crecente en número e en diversidade, que accedeu ao cómic atraído por temáticas que descoñecía que existisen na narrativa gráfica. Esa comunidade ligada á BD deixou xa de ser aquel grupo minoritario, por veces pechado e endogámico, de tempos aínda recentes. Moitos novos lectores e lectoras non accederon á banda deseñada por medio das tendas especializadas, senón a través de librarías tradicionais, aínda que despois acabasen visitando aquelas tamén —seguen e seguirán a ser o punto onde mellor fondo de publicacións van encontrar—, e gozando talvez doutros xéneros en que antes nin sequera reparaban.
O público dos cómics é agora así, cada vez máis largo e heteroxéneo, e esa é a gran noticia dos últimos anos. Esta nova comunidade xa non ve necesario reivindicar a banda deseñada, porque a vive con naturalidade, e non a encontra minoritaria: un cambio sociolóxico digno de mención, sinal dunha nova época que non pode traer senón cousas boas tanto para os amantes de toda a vida como para as persoas acabadas de chegar. |
|
|
|
|