Inicio / opinión / Entre as viñetas

Entre as viñetas por Henrique Torreiro
Ver todos os artigos de Henrique Torreiro en Entre as viñetas
Data: 5 / 1 / 2011
A propósito das Cantigas
Os debates teóricos sobre a BD poden distraer do verdadeiramente importante.

Algunhas voces do panorama estatal teñen posto en dúbida, mesmo até a ridiculización, o esforzo investigador desenvolvido por Breixo Harguindey na exposición As Cantigas de Santa María, obra mestra das orixes da historieta —cuxo contido adiantara xa hai uns anos no Boletín Galego de Literatura (n.º 35, 2006)—. Volvendo ao tema das definicións da BD, que xa trataramos noutra columna anterior, o problema é basicamente o mesmo: mentres unha corrente de estudosos se inclina pola consideración do cómic como unha arte circunscrita en exclusiva á época contemporánea, ligada á difusión masiva a través de medios impresos que chegou coa prensa do XIX, o máis común é aceptar que o cómic ten antecedentes claros antes desa época. Podemos discutir en que momento os «antecedentes» pasan a ser protocómics ou mesmo cómics propiamente ditos, mais non hai dúbida de que hai relación directa entre certas formas de arte narrativa do pasado e o que hoxe denominamos BD.

Non só Scott McCloud —que, dentro do espírito informal das súas obras, decidiu denominar «cómics» todas as manifestacións históricas da «arte secuencial»—, senón a práctica totalidade dos tratadistas fan un prólogo que indaga máis ou menos brevemente nos posíbeis antecedentes da BD. Calquera teoría ben razoada merece consideración, naturalmente, pero talvez despachar todas esas manifestacións históricas como «algo totalmente distinto á BD» necesite argumentos máis sólidos que os que se ofrecen. Que as sensibilidades dos tempos respectivos son moi diferentes? En efecto; da mesma forma que o son a nosa e a dos lectores da época de Little Nemo. Os soportes son diferentes, si, pero non creo que esa sexa a clave nesta cuestión; nin sequera a difusión ou o feito de ser impreso ou non. Acaso unha páxina de cómic que non chega a ser publicada deixa de ser cómic? Coas Cantigas falamos dunha prancha dividida en distintos cadriños en que se combinan imaxes e textos para contar unha historia... Se non é unha BD, está claro que se parece. Discutimos se é só un antecedente, e non unha BD «de verdade»? Francamente, non vexo produtivo ese debate: tan válida será unha consideración como a outra, se están razoadas.

Temo que estas visións teñen moito que ver cunha certa contaminación metodolóxica procedente do ámbito universitario. Se estudamos a BD desde a perspectiva da historia da arte contemporánea, non hai cabida para o «antigo», ao igual que non a hai para as análises de tipo literario; é un problema da compartimentación do saber, que ten como corolario viciado, en demasiados casos, un indesexábel desprezo desde cada especialidade cara ás outras materias «estremeiras». A BD precisa de estudos rigorosos, que poden (e deben) vir da universidade, pero hai que ter claro, como se ten noutros temas, que non valen por si sós moitos dos caixóns académicos tradicionais. Necesitamos poder analizar a banda deseñada desde moi diferentes perspectivas, dunha forma multidisciplinar, e seguro que as visións da historia da arte, da análise literaria e das facultades de belas artes, entre outras, poden ofrecernos aínda moito se aceptarmos os cruzamentos entre elas. Se por respectar fronteiras marcadas para outros obxectos de estudo perdemos de vista oportunidades como a de coñecer de perto obras como as Cantigas, é que algo está indo mal. Esa obra medieval, tan parecida a un cómic, demostra que a nosa «modernidade» está ben lonxe de ser algo tan superior e evolucionado como pensaramos. Botar unha ollada a estas manifestacións, creo eu, non busca dignificar a BD actual con «precedentes de prestixio» (en realidade, iso sería unha parvada); antes ben, fai que nos decatemos de que os campos de creación están interconectados de forma natural, e que ninguén crea nada que non leve xa moito tempo inventado. A clave está en saber desfrutalo sen preconceptos.




Untitled Document
 
Información
Noticias
Reportaxes
Sala de Lectura
Catálogo
Autores
Publicacións
Entidades
Extras
Fondos de pantalla
Todos os extras
Outros
Historia
Suscríbete


Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org